​A SOLIDARIEDADE DE ONCE DOANTES REPARTÍU VIDA ENTRE 42 PACIENTES QUE PUIDERON SER TRANSPLANTADOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
07 06 2023

En 2022, aínda saíndo dunha longa pandemia, en  Ourense  once persoas e as súas familias, por medio dos equipos sanitarios da Unidade de Coordinación de Transplantes do Hospital Universitario, fixeron posible un dos actos máis solidarios e altruístas, dicindo sí á doazón, e repartindo vida a corenta e dous persoas que se beneficiaron dun transplante de órganos.

A doazón de órganos e tecidos tamén fixo posible que o Servizo de Oftalmoloxía realizara trinta e seis transplantes de cornea, intervención que permite recuperar ata nun 80% a visión, e se realiza integramente no Hospital Universitario de Ourense, como os de membrana amniótica, tecido osteo-tendinoso e hematopoiético. Unha actividade que permitiu realizar 93 procedementos de transplante na nosa provincia e fora.

Ourense mantén así unha taxa, difícil valorar só con números, que alcanza desde o pasado ano as mellores cifras da última década, cada vez máis preto da media galega, que con 47,6 doantes por millón de habitantes, supera xa a media de España (46,3), á súa vez líder mundial.

Nos últimos anos o aumento do número de doantes de órganos en Ourense, é constante, pasando de 3 en 2018 e 2 en 2019, a 7 en 2020 e 11 en 2021 e 2022, e no que vai de ano 6. Un importante traballo que sitúa ao Hospital Universitario de Ourense como o cuarto hospital de Galicia en número de doantes, tras Santiago, A Coruña e Vigo, os dous primeiros acreditados para transplante.

Perder oportunidades de salvar vidas

O primeiro motivo de perda de doantes, en todo o mundo, é non detectar ás persoas que poderían selo. Evitar a perda de órganos viables para transplante é sempre unha cadea de acontecementos, baixo o risco de que se acabe rompendo polo fío mais débil. Nada pode quedar en mans da improvisación. Converter cada posibilidade nunha realidade é tarefa de moitos.

Dirixindo este proceso, en Ourense está Jesús Priego, do Servizo de Medicina Intensiva, que coordina este complexo engrenaxe que permite dar novas esperanzas ás persoas que esperan un transplante. Non é fácil no medio da dor dunha familia apelar á solidariedade, nin para unha familia inmersa na dor aceptar este reto solidario e altruísta, pero xuntos é posible manter a cadea de solidariedade que converte ao sistema español nun referente mundial.

Pese a que non hai idade límite para ser doante, nos últimos anos o envellecemento poboacional e os avances da cirurxía reduciron as posibilidades de doazón, ata que desenvolvemento dunha nova técnica para manter a viabilidade: a doazón en asistolia controlada (Maastricht tipo III), que se comezou a aplicar en Ourense de xeito precoz e o pasado ano 2022 foi por vez primeira a maioritaria na nosa Área Sanitaria.

En 2022 producíronse dez negativas familiares á doazón, aspecto no que é clave o traballo de información e difusión que se realiza desde o equipo de transplantes, en estreita colaboración coas asociacións de pacientes, que coñecen ben as dificultades e esperanzas dos que agardan por un transplante.

Nesta coordinación que salva vidas, hai que destacar tamén a estreita colaboración con outros servizos do hospital, para implementar tamén a doazón de tecidos, que permite que Ourense sexa o segundo hospital de Galicia que máis doantes exclusivamente de córneas achegou ao banco de tecidos autonómico.

Coincidindo co Día Nacional do Doante de Órganos e Tecidos, a Asociación Alcer Ourense instalará hoxe unha mesa informativa, á que se achegarán  o xerente, Félix Rubial, e parte do equipo coordinador en Ourense da ONT (Organización Nacional de Transplantes) Estrella Pérez e Estefanía Prol, representando ao mais dun centenar de profesionais implicados en Ourense neste solidario proceso.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde