COMESAÑA DÁ A BENVIDA Á NOVA SECRETARIA XERAL DA CONSELLERÍA DE SANIDADE NUNHA ETAPA CON RETOS MOTIVADORES POR CULMINAR
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
26 06 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presidiu hoxe a toma de posesión de Natalia Lobato Mosquera, como nova secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade. O titular da carteira sanitaria deu a benvida a Lobato, de quen destacou o seu traballo de coordinación nos últimos anos na Xunta de Galicia, e a súa experiencia na xestión técnica, tanto xurídica como económica de servizos públicos tan importantes como a xustiza ou a xestión das emerxencias.

Do secretario xeral saínte, Alberto Fuentes, nomeado o pasado venres secretario xeral da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, Comesaña agradeceu o seu traballo realizado nos máis de seis anos en Sanidade, destacando o seu labor nun  momento tan difícil como foi o da pandemia.

A nova secretaria xeral agradeceu a confianza depositada nela, e tivo tamén palabras de recordo para o que ata agora fora o seu equipo na Secretaría Xeral da Presidencia.

No acto, interveu tamén o seu predecesor, Alberto Fuentes Losada, quen quixo recoñecer o traballo de todo o persoal que lle acompañou nestes últimos anos ao fronte da secretaría xeral.

Renovación integral

Ao remate da toma de posesión do nova secretaria xeral de Sanidade, o conselleiro remarcou que o seu departamento encara o último ano dunha lexislatura na que está a completar unha renovación integral da Consellería de Sanidade e do Sergas, tanto en infraestruturas como en dotación tecnolóxica; e unha reforma completa da atención primaria, con novos mecanismos de xestión, impulso de todas as categorías, máis formación de novos especialistas e novos modelos para cubrir prazas.

Outros dos retos nos que traballará o Sergas é no avance da calidade da atención hospitalaria, co desenvolvemento do Plan de Saúde Mental, a incorporación de novos tratamentos e o fomento da organización en unidades multidisciplinares; así como na reformulación do modelo de saúde pública, aprendendo as leccións da pandemia con novas estratexias de vixilancia epidemiolóxica ou na promoción de hábitos saudables e con avances notables nas políticas de vacinación ou cribado.

Trátase, -dixo Comesaña-, “de retos moi motivadores e que temos o obxectivo de culminar neste tempo”. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud