A XUNTA DESTINA MÁIS DE 4,7 MILLÓNS DE EUROS PARA A COLABORACIÓN ENTRE O SERGAS E AS TRES UNIVERSIDADES PÚBLICAS GALEGAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
29 06 2023
O Consello da Xunta autorizou a prórroga dos concertos subscritos entre o Servizo Galego de Saúde e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo. A renovación desta colaboración coas tres universidades públicas galegas permite a utilización das institucións sanitarias para obxectivos docentes, asistenciais e de investigación. Esta colaboración –iniciada no 2001- conta cun orzamento global que ascende a 4.772.887 euros para un período dun ano, o segundo semestre de 2023 e o primeiro semestre de 2024. 

Esta achega representa un dobre compromiso por parte da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde. Por unha banda, cos seus profesionais para que compatibilicen a actividade asistencial coa actividade docente e investigadora. Pola outra, representa o compromiso co alumnado, ao poñer á disposición do sistema universitario galego todos os seus recursos. 

O orzamento dos concertos está destinado a financiar todo o custo de persoal derivado da dispoñibilidade para a docencia pregraduada, posgraduada e continuada dos profesionais e para o cumprimento dos acordos e obxectivos específicos adquiridos coa colaboración, como a formación do alumnado de ciencias da saúde, co obxectivo de conseguir os mellores profesionais do futuro.

Tamén se destina para que as ensinanzas universitarias relacionadas coas ciencias da saúde poidan ser utilizadas para a mellora constante da atención sanitaria.

Ademais, os concertos potencian a investigación das ciencias da saúde, coordinando as actividades das universidades coas das institucións sanitarias, para unha mellor utilización dos recursos humanos. ​

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde