A XUNTA POTENCIA A CAPACIDADE DIAGNÓSTICA DOS CENTROS DE SAÚDE DA ÁREA SANITARIA DA CORUÑA E CEE INVESTINDO PRETO DE 3M € EN EQUIPAMENTO ELECTROMÉDICO E MOBILIARIO CLÍNICO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
08 09 2023

O Consello da Xunta aprobou a contratación, por un período de dous anos, mediante acordo marco cun único empresario, da subministración sucesiva de equipamento electromédico e mobiliario clínico con destino a centros de atención primaria da Área Sanitaria da Coruña e Cee. O valor estimado dos contratos baseados no acordo marco é de 2.993.576 euros.

O investimento inclúe 25 retinógrafos, 31 ecógrafos portátiles con intelixencia artificial integrada, 60 sistemas de monitorización ambulatoria da presión arterial, e 80 dispositivos multidiagnóstico de monitorización automatizada de constantes vitais. Tamén inclúe mobiliario clínico consistente en 405 padiolas de transporte, de exploración xeral, de fisioterapia e de exploración xinecolóxica.

A intención do Goberno galego é dotar a todos os centros de saúde desta Área Sanitaria da Coruña e Cee duns novos dispositivos multidiagnóstico, que van permitir, a través dunha táblet con distintos complementos, realizar co mesmo aparello distintas probas diagnósticas: electrocardiogramas e medicións da presión arterial para previr ou controlar problemas cardiovasculares; control do índice nocello-brazo para previr trombos; ou espirometrías para diagnóstico e seguimento de patoloxías respiratorias.

A Xunta vai dotar tamén a todos os centros de saúde que aínda non contén con el, de dispositivos de monitorización ambulatoria da presión arterial, que o paciente leva para casa durante un ou dous días completos da súa vida cotiá, e permite diagnosticar a existencia ou a evolución de hipertensión, unha das patoloxías crónicas máis prevalentes en Galicia.

Este novo material súmase ao adquirido ao abeiro do Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021 que mobilizou un investimento de máis de 8 millóns para dotar aos centros de atención primaria galegos de 473 electrocardiógrafos, 260 desfibriladores, 234 espirómetros, 27 ecógrafos ou 26 retinógrafos.

Así, con esta nova licitación o Goberno galego completará a dotación de retinógrafos e  ecógrafos iniciada co Plan Galego de Atención Primaria de 2019. Ao final deste proceso todos os servizos de atención primaria disporán dun ecógrafo. Serán ecógrafos portátiles dotados con tecnoloxía de intelixencia artificial que irá guiando ao profesional para facer a mellor exploración posible.

Todos estes dispositivos completamente integrados co sistema de historia clínica electrónica de Galicia. Polo tanto, facilitando o volcado de datos automático na aplicación para o seguimento multidisciplinar do paciente polo equipo de atención primaria ou, se fose preciso, con apoio de consulta hospitalaria.

Esta contratación enmárcase no obxectivo da Xunta de Galicia de mellorar a capacidade diagnóstica do primeiro nivel asistencial e aproveita os fondos do Plan de Melloras das Infraestruturas de Atención Primaria (MINAP) aprobado polo Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, e cuxo obxectivo consiste na mellora das infraestruturas dos centros de atención primaria pertencentes ao Sistema Nacional de Saúde e ampliación e renovación do seu equipamento clínico.

A boa situación de Galicia en materia de infraestruturas de atención primaria, cun investimento desde 2009 de máis de 120 millóns de euros para construír ou renovar 114 centros de saúde, e cun Plan de Infraestruturas de Atención Primaria en execución desde 2021, permite á Xunta destinar estes fondos estatais a dotar aos seus centros de novo equipamento diagnóstico.

Aposta pola atención primaria

A aprobación deste acordo marco reflicte a aposta da Xunta pola atención primaria co obxectivo do Sergas de dotar á totalidade de centros de saúde galegos de novos equipos diagnósticos que melloren a súa capacidade resolutiva, para, deste xeito, facer unha mellor prevención da enfermidade e acadar diagnósticos precoces que eviten complicacións posteriores nos pacientes. Supón, ademais, levar a cabo un mellor seguimento dos pacientes crónicos e pluripatolóxicos.

Entre estes investimentos da Xunta destinados a potenciar o primeiro nivel asistencial destaca a recente licitación de 29 novas salas de RX dixitais e a adquisición dunha unidade móbil de RX, por máis de cinco millóns de euros, e a próxima tramitación de novos expedientes para a compra de desfibriladores e bisturís eléctricos ou para a adquisición de equipos de realización de probas rápidas.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde