A NOVA RESONANCIA MAGNÉTICA DO CHUAC, ADQUIRIDA POLA XUNTA, REALIZA 1.307 ESTUDOS RADIOLÓXICOS NOS CATRO PRIMEIROS MESES
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
13 09 2023
 
O Complexo Hospitalario Universitario da Coruña xa conta cunha nova resonancia magnética, adquirida pola Xunta por preto de 1,5 millóns de euros, aproveitando os fondos europeos Next Generation. Con esta adquisición, optimízase a tecnoloxía que prestaba servizo no centro hospitalario. 

O director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Jorge Aboal Viñas, visitou hoxe o centro sanitario para coñecer, de primeira man, o número de asistencias que fixo este equipo. Acompañouno o xerente da área sanitaria, Luis Verde Remeseiro; o xefe de servizo de Radiodiagnóstico, José Manuel Castro Pérez; e a subdirectora xeral de Atención Hospitalaria do Sergas, Raquel Vázquez Mourelle.

A resonancia comezou a funcionar a finais de maio e foi incrementando paulatinamente a súa actividade. Na actualidade, xa permitiu realizar 1.307 estudos radiolóxicos.

A instalación desta resonancia magnética forma parte dun investimento de máis de oito millóns de euros na renovación de equipos de alta tecnoloxía do CHUAC. En concreto, neste proceso de renovación tecnolóxica, o Hospital Universitario da Coruña dotouse con nove novos equipos, entre os que se atopan, xunto coa resonancia, 4 equipos TAC -incluído un con tecnoloxía espectral-, 2 salas novas de hemodinámica, unha sala de  radioloxía vascular e, por último, unha sala de Neurorradioloxía.

Fondos europeos para renovación de tecnoloxía sanitaria

Estes investimentos englóbanse nos que está a tramitar o Goberno galego, por un valor de máis de 67 millóns de euros, destinados a canalizar os fondos europeos Next Generation, de cara á renovación do equipamento hospitalario. Suman un total de 76 novos equipos, dotados da mellor tecnoloxía sanitaria e que se porán ao alcance tanto dos profesionais do Sergas como dos pacientes da sanidade pública. Dentro desa dotación, a Xunta adquiriu un total de nove resonancias magnéticas para dar servizo aos hospitais do Servizo Galego de Saúde.

O Goberno galego tomou a decisión de complementar os fondos europeos con outros do seu propio orzamento para adquirir equipos de gamas superiores aos financiados, algo que xa sucedeu nos contratos de TAC (para incorporar TAC de tecnoloxía espectral) ou nas resonancias magnéticas.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde