O SERVIZO DE ONCOLOXÍA RADIOTERÁPICA DO MEIXOEIRO REALIZA NOS ÚLTIMOS DOUS ANOS MÁIS DE 300 BRAQUITERAPIAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
22 09 2023

A Unidade de Oncoloxía Radioterapéutica do Hospital Meixoeiro é referencia en Galicia para a técnica de braquiterapia desde o ano 2010, sendo por exemplo o primeiro servizo que empezou a aplicala para o cancro de esófago. Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na XXI Reunión de consenso do Grupo Español de Braquiterapia da Sociedade Española de Oncoloxía Radioterápica e a Sociedade Española de Física Médica, acto no que estivo acompañado polo xerente da área sanitaria, Javier Puente, e a xerente de Galaria, Rocío Mosquera.

Comesaña remarcou a importancia que ten o desenvolvemento da braquiterapia para poder aplicar radioterapia do modo menos prexudicial posible para os tecidos sans, reducindo tamén os posibles efectos secundarios. Usar a braquiterapia supón coñecer a posición do tumor cunha precisión case milimétrica, e poder colocar a fonte que emite a radiación moi próxima ou mesmo en contacto coa a zona para tratar. Isto permíte, -dixo o conselleiro-, actuar con maior exactitude e aplicar as doses máis adecuadas a cada paciente.

O Servizo de Oncoloxía Radioterápica do Meixoeiro comezou a aplicar esta técnica, atendendo, nun primeiro momento, tumores xinecolóxicos e de mama, e ampliando progresivamente as posibilidades de tratamento ofrecidas con esta terapia a bronquio, otorrino, esófago, pel, próstata e pene. Entre o pasado e este ano, a unidade realizou, -remarcou o máximo responsable do Sergas-, 303 braquiterapias.

Esta Unidade levou a cabo, no pasado mes de febreiro, a súa primeira intervención de braquiterapia de esófago, sendo o primeiro hospital galego en facer esta técnica en neoplasia de esófago.

Múltiples avances

O titular da carteira sanitaria dixo que esta unidade foi escenario de múltiples avances. Así, dende o seu inicio, creceu ata dispoñer na actualidade de catro aceleradores, o último incorporado a finais de 2021. Trátase dos máis avanzados do mercado e converten a este servizo do Meixoeiro en referente en dotación oncolóxica de Galicia, o que garante unha atención de máxima calidade, tanto en tempos como en prestacións médicas. 

Comesaña remarcou a notable traxectoria do servizo, que rexistra ata a actualidade máis de 57.000 solicitudes totais de tratamento: 49.057 teleterapia, 5.033 braquiterapia e 3.192 radiocirurxía. 

Reforma da unidade

A reforma completa que experimentou esta unidade, e que se puxo en marcha no ano 2020, supuxo, -sinalou o conselleiro-, un intenso cambio no seu funcionamento, ampliando e renovando os espazos de traballo para profesionais, axilizando a comunicación entre especialistas e as súas tarefas diarias. Un beneficio que tamén repercute na humanización e na calidade asistencial dos pacientes oncolóxicos, que agora dispoñen de espazos e accesos moito máis cómodos. 

Nos últimos dous anos, -proseguiu Comesaña-, a unidade tamén experimentou un proceso de dixitalización, con todos os profesionais traballando en rede, suprimindo así o uso de papel e permitindo acceder á información dunha maneira moito máis áxil e precisa. 

Estamos orgullosos, -subliñou o responsable da sanidade pública galega-, de poder ofrecerlles á cidadanía tratamentos de precisión, cos máis altos estándares de calidade e seguridade. 

Tamén manifestou a súa satisfacción Comesaña de que todas as medidas e proxectos que está a poñer en marcha a Xunta neste eido, entre as que citou o Centro de Protonterapia e o de fabricación de terapias avanzadas, se desenvolvan con criterios de territorialidade, garantindo o mellor acceso de todos os galegos, independentemente do lugar da nosa comunidade no que vivan, tanto a equipos e tecnoloxías como, e o máis importante, a opcións diagnósticas temperás e terapéuticas de máis eficacia. 

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde