OS PACIENTES DA ÁREA SANITARIA DE FERROL CON SÍNDROME CORONARIA AGUDA ESTARÁN AÍNDA MÁIS CONTROLADOS GRAZAS Ó PROXECTO SCA: VIXÍA E ACTÚA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
04 10 2023
 

A responsable de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, Raquel Marzoa Rivas, presentaba o proxecto SCA: Vixía e Actúa nas II Xornadas de Innovación en Saúde da Área Sanitaria de Ferrol, que reunían a máis de 130 profesionais de Galicia e España no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol o pasado xoves. Coa activación deste proxecto, os e as pacientes que tiveran pasado unha síndrome coronaria aguda estarán aínda máis controlados, xa que se mellora o circuíto asistencial dos mesmos tras esta síndrome.

A responsable de Cardioloxía do CHUF subliñou durante este encontro científico a importancia da implicación dos e das profesionais dende distintos ámbitos, tanto no centro de saúde como no hospital, e tanto no eido facultativo como da Enfermaría. O punto de partida é a alta mortalidade cardiovascular e a prevaleza do infarto de miocardio nesta Área, xa que se producen entre 400 e 450 infartos ó ano. Un dos primeiros esforzos radicaba, explicou esta especialista, en “crear consultas específicas que nos permitisen facer un seguimento máis personalizado de acordo a complexidade de cada caso”; e o seguinte esforzo, integrar ferramentas dixitais que permitan aumentar a seguridade e reducir os tempos nos distintos pasos da atención á síndrome coronaria aguda.

Ferramenta dixital para controlar valores do paciente

Cando un paciente sofre un infarto de miocardio é prioritario reducir o máis axiña posible os niveis de LDL-c, un colesterol vencellado directamente con esta síndrome cardiovascular, para reducir o risco de presentar outro evento cardiovascular. Así, o eixo principal deste traballo en grupo multidisciplinar foi a creación e integración na historia electrónica dunha ferramenta dixital que permita a identificación precoz de pacientes con control subóptimo de LDL-c e tamén daqueles que non realizan o control analítico no período de tempo establecido. Mediante esta ferramenta o médico, de forma inmediata, pode facer unha intervención no tratamento sen ter que esperar a cita de seguimento presencial.   

A mellora no circuíto asistencial consistirá tamén en automatizar e protocolizar o seguimento ambulatorio tras un infarto para mellorar a prevención secundaria ou retomala naqueles pacientes que non fan seguimentos de forma rutineira; mellorar a educación sanitaria interniveis e garantir un proceso de transición á alta de calidade; e tamén, establece fórmulas para que o paciente sexa o centro do proceso e poida participar activamente nel.

Raquel Marzoa expuña relacionado tamén con isto, que observaron niveis elevados de Lipoproteina-A no 62% dos 569 pacientes con antecedente de síndrome coronaria aguda analizados, unha porcentaxe moi superior a reportada noutras rexións. A Lipoproteina-A é outro tipo de colesterol “malo” que incrementa o risco de infarto e ictus. Este achado é importante xa que, aínda que no momento actual non existe un tratamento específico para reducilo, están en desenvolvemento moitos fármacos con resultados prometedores. 

A clave é medir eses valores, e que exista un control dos mesmos nos distintos chanzos establecidos nunha ferramenta dixital que axuda xa a facer esas deteccións dun xeito más rápido e dinámico, e que nos indica se o paciente está neses rangos correctos ou non. Conséguese así que toda a actividade estea rexistrada nun lugar onde pode ser consultada por tódolos profesionais facultativos e de Enfermaría, e tanto do hospital como do centro de saúde. Para rematar a súa intervención, subliñou a importancia da atención primaria neste proceso de supervisión e control xa que “o médico de familia é o verdadeiro especialista no paciente”.


EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde