A unidade
de lesionados medulares do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, na
que a Xunta investiu máis de 770.000 euros na súa robotización, a través de
fondos REACT-UE, conta xa co novo equipamento.
Este será de gran axuda á hora de avaliar a capacidade motora dos pacientes,
así como proporcionar terapias intensivas e ofrecer asistencia ao movemento das
persoas.
Esta
unidade, que é referente en Galicia e en parte do territorio español no que
atinxe á hospitalización de agudos, tivo ao longo de 2022 un total de 185
ingresos e preto de 1.350 consultas externas. Ademais, é un centro pioneiro e
de referencia para a rexionalización de ensaios clínicos e de investigación na
lesión medular.
Ademais
leváronse xa a cabo os traballos necesarios para a posta en marcha na unidade
dunha videoconsulta que evita desprazamentos innecesarios ao hospital e que
facilita a atención. Esta ferramenta ofrece, tamén, apoio á atención primaria
para o correcto seguimento dos pacientes no domicilio.
Todos estes avances son froito da aposta da Xunta de Galicia por aproveitar
os fondos europeos para introducir a tecnoloxía robótica na sanidade pública,
un camiño que se iniciou a mediados de 2021 coa adquisición de sete equipos de
cirurxía robótica, un para cada área sanitaria, e que se está a continuar con
outros proxectos entre os que se decidiu incorporar agora a esta unidade
referencial en Galicia.
Aparataxe
A
adxudicación deste material corresponde a un proxecto de renovación tecnolóxica
para manter e mellorar a atención ao lesionado medular na comunidade galega.
Así, adquiriuse un novo sistema de rehabilitación robótica da marcha e dous
lotes de equipamento novo para a unidade que permitirán unha actuación
rehabilitadora máis eficaz e eficiente. Un deles é un sistema robótico de
rehabilitación da extremidade superior e man, que posibilitará acurtar tempos
de tratamento en terapia ocupacional e mellorar a funcionalidade das mans e
extremidades superiores en pacientes tetrapléxicos.
Por
último, tamén foron adquiridas neste concurso publico dúas padiolas de
verticalización e mobilización temperá de extremidades inferiores, que axudarán
a reducir tempos de encamamento e mellorar o proceso de tratamento en
fisioterapia, acurtando de xeito importante os tempos de rehabilitación, e
facendo o tratamento máis seguro e eficaz.