O SERGAS APROBA EN MESA SECTORIAL A NOVA OPE QUE OFERTA MÁIS DE 1.200 PRAZAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
17 11 2023

A mesa sectorial do Servizo Galego de Saúde aprobou este venres a Oferta de emprego público (OPE) 2023 que contará con 1.207 prazas. Polo tanto, sumando a oferta anticipada de 423 prazas correspondentes a postos de difícil cobertura, o número de prazas ofertadas no presente ano ascende a 1.630.

En concreto, o Sergas distribúe a oferta en 168 prazas de persoal médico na categoría de licenciado sanitario (121 de familia, 35 de urxencias hospitalarias e 12 de hospitalización a domicilio). Así, a convocatoria de 2023 de médicos/as de familia amplíase a 271. 

A OPE aprobada esta mañá en mesa sectorial e que a próxima semana será levada ao Consello da Xunta inclúe 958 prazas de diplomado/a sanitaria e de formación profesional (818 de enfermaría, 121 de técnico superior en laboratorio de diagnóstico clínico, 11 de técnico superior en dietética e 8 de anatomía patolóxica e citoloxía) e 81 na categoría de xestión e servizos (37 de traballo social, 33 de auxiliar de función administrativa, 5 de xestión da función administrativa, 2 do grupo técnico da función administrativa e 4 de técnico superior en prevención de riscos laborais). 

Das máis de 1.200 prazas da nova OPE, 61 estarán reservadas a persoas con discapacidade xeral e, como novidade, o proxecto de decreto da oferta de emprego público contempla a concentración da reserva de prazas de discapacidade intelectual no grupo auxiliar da función administrativa e, polo tanto, as 33 prazas ofertadas estarán reservadas para as persoas con este tipo de discapacidade.

En canto aos procesos selectivos, a mesa sectorial acordou que nos baremos de méritos se puntuará especificamente a prestación de servizos nos centros sanitarios de atención primaria do Sergas que teñan a consideración de illados ou de difícil cobertura, así como nos hospitais comarcais. Tamén se decidiu que se adoptarán medidas de protección para as aspirantes vítimas de violencia de xénero ou sexual na tramitación dos procesos.

Prazas de nova creación en 2024

Continuando coa orde do día da sesión, informouse á representación do persoal das categorías e as áreas sanitarias ás que se corresponden as 1.738 novas prazas creadas polo proxecto de orzamentos da Xunta de 2024. Destas, 870 teñen por causa a redución de xornada do persoal contemplada no acordo de mesa sectorial do pasado mes de abril, 851 son prazas para a estabilización de persoal de atención hospitalaria e as 17 prazas restantes correspóndense co desenvolvemento do Plan de Saúde Mental.

Sobre a redución de xornada, a Administración deu conta das instrucións para que cada área sanitaria poda aplicala adaptando os calendarios e carteleiras de traballo con antelación suficiente e facilitando a participación do persoal e dos órganos de representación da área antes de pechar a redacción definitiva.

Ademais, na reunión acordouse flexibilizar o desfrute dos días de libre disposición de 2023 ata o 31/ de marzo do próximo ano e comunicouse que está en marcha o proceso para renovar as identificacións do persoal. Para facilitar que a cidadanía poda recoñecer con facilidade a categoría profesional das persoas polas que son atendidas, o Sergas propón un sistema de cintas de cores e tarxetas de identificación facilmente recoñecibles.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde