APOIO A PROFESIONAIS, MELLOR COMUNICACIÓN E MÁIS CALIDADE NA XESTIÓN DOS RECURSOS HUMANOS, PRESENZA DA ASF NO CONGRESO SOBRE ESTA MATERIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
03 12 2023
O programa de apoio psicolóxico que activaron dende o Servizo de Psiquiatría do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol nas primeiras semanas da pandemia pola Covid 19; un protocolo para unha mellor comunicación entre as unidades administrativas da Área; e os traballos previos para a aplicación dun sistema de xestión de calidade no ámbito da Dirección de Recursos Humanos da Área Sanitaria de Ferrol son as tres cuestións que profesionais da Área ferrolá presentaron no II Congreso de Igualdade e Recursos Humanos de Servizos Públicos de Saúde, que tivo lugar en Santiago de Compostela, entre os días 29 de novembro e o 1 de decembro, organizado polo Servizo Galego de Saúde, e con carácter nacional e internacional. Profesionais da ASF participaron con dúas comunicacións orais e unha tipo póster. O xerente da Área, Ángel Facio Villanueva, moderou tamén a mesa neste encontro: Humanizando dende dentro, cara o benestar emocional e laboral.

Apoio psicosocial

Unha situación de emerxencia sanitaria como a vivida coa declaración do Estado de Alarma ante a pandemia provocada polo coronavirus SARS-COV2, e os protocolos necesarios para poder garantir na medida do posible a seguridade do persoal sanitario, dos enfermos e dos seus familiares, impiden en gran medida as accións adaptativas que habitualmente son levadas a cabo ante un proceso de enfermidade coa fin de paliar as consecuencias emocionais do mesmo, explicaban.  Ás variadas circunstancias adversas que dificultan a adaptación ás emocións habituais, súmase o medo ante o propio contaxio ou a posibilidade de contaxiar a outros; así como as repercusións anímicas asociadas a unha situación de illamento que poden chegar a provocar un gran malestar emocional nos profesionais.

Por todo iso, era necesario un acompañamento psicolóxico tanto ós familiares de enfermos ingresados por COVID-19, como ós profesionais que os atendían, co obxectivo de conseguir a diminución do malestar emocional, a previr as posibles repercusións que a longo prazo podía xerar a vivencia desta situación de tensión no caso de ser mantida durante un longo período de tempo e facilitar o proceso de duelo en caso de falecemento. Sendo rapidamente conscientes de todo isto, profesionais da Área Sanitaria de Ferrol activaron xa nas primeiras semanas da pandemia un Plan de Intervención Psicosocial para apoio e atención de persoal de Sanidade. 

Este plan dotouse de persoal, xa que estaba coordinado por 1 Psicóloga Clínica co apoio de 1 psiquiatra e persoal en formación; e de recursos como telefonía móbil, equipos informáticos portátiles con VPN, creación de conta de correo electrónico específica, e coordinación do rexistro da actividade en contorna IANUS. De xeito paralelo, desenvolveuse unha campaña informativa con cartel específico, díptico informativo e creación de espazo específico na intranet corporativa. Inxeríronse neste plan unha trintena de profesionais. Presentou esta iniciativa no Congreso o subdirector de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía da Área, Juan Manuel González Lorenzo.

Mellor comunicación interna en cuestións clave

Por outra banda, e segundo indican diversos estudos, en calquera organización é fácil detectar que unha maioría dos seus empregados afirman non saber nada do que pasa na súa institución, ou saber moi pouco. Os directivos, pola súa banda, dirán que xa o tentaron de diversas formas e que o resultado non cambia, argumentaban estes días no Congreso. A comunicación interna configúrase neste ámbito como un dos instrumentos estratéxicos e de xestión máis importantes para mellorar as relacións interprofesionais, posibilitar a súa integración, e favorecer a existencia dunha cultura compartida entre tódolos membros da institución. Os centros e servizos sanitarios son moi sensibles a esta realidade e necesitan manter canles activas de comunicación para axudarlles a cumprir cos seus fins, de aí a necesidade da correcta transmisión da información entre os profesionais da institución para que chegue de maneira áxil e unívoca ós departamentos máis en contacto directo cos profesionais e coa cidadanía. 

Neste senso, desenvolveuse para a súa aplicación, xunto cos profesionais máis implicados na comunicación directa á cidadanía, un procedemento de comunicación interna cos obxectivos específicos de compartir unha mesma información, cultura e valores organizacionais, que permita comunicar indicacións, normas, instrucións ou calquera cambio que se produza, e que chegue así pronto ás persoas máis en contacto directo coa cidadanía, como, por exemplo, as e as profesionais da Central de Telefonía o persoal da administración dos distintos centros. Clasificáronse os tipos de información, definíronse as fontes de información; fíxose unha xestión estruturada da información: recompilación, elaboración e difusión; e establecéronse receptores básicos da información para cada caso. Presentaba este proxecto un dos administrativos da Área, Pablo Fernández González.

ASF, sempre por diante en Calidade

Xunto con isto, a Área Sanitaria de Ferrol ten sido activa e precoz ó longo da súa historia na aplicación de Sistemas de Xestión da Calidade que implican que as accións se fagan con maiores garantías e control. Neste encontro, abórdase o futuro desenvolvemento dun sistema de Xestión de Calidade na Dirección de Recursos Humanos da Área ferrolá. O enfoque orientado cara ás persoas traballadoras resulta de especial relevancia. Esta forma de xestión trae consigo, entre outros moitos, beneficios tales como mellorar os servizos, brindar unha atención máis oportuna, neste caso ós profesionais; asegurar o cumprimento dos obxectivos; e favorecer a mellora continua, recollen na comunicación.

Este proxecto está nunha fase incipiente, e os e as profesionais da Área manteñen xa reunións periódicas entre a Dirección de Recursos Humanos, o Servizo de Soporte, e Calidade e a Subdirección de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía. O obxectivo inicialmente marcado é realizar unha análise da situación actual; establecer o punto de partida e planificar cara a onde chegar mediante o establecemento dos obxectivos e metas de calidade; e realizar tamén un Mapeo de procesos para coñecer as interaccións e relacións con outros departamentos, áreas e servizos. 

Neste senso, lembrar a aposta que se ten feito nesta Área por traballar con criterios de calidade e ten xa 9 servizos certificados: conta co primeiro servizo de Lavandería de España en obter un certificado de xestión de calidade, en febreiro do 2000; Farmacia, que foi tamén o primeiro en toda España, acadouno en marzo do ano 2001; o Laboratorio de Análises Clínicas era o primeiro do Servizo Galego de Saúde, en decembro de 2001; Subministracións certificouse no 2007; Microbioloxía, no ano 2012; Admisión e Documentación Clínica, no ano 2015; a Unidade de Formación, no ano 2017; e os últimos en se incorporar, Hemodiálise; e, tamén, Anatomía Patolóxica hai algo máis dun ano.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde