A METADE DA POBOACIÓN GALEGA TEN SOBREPESO OU OBESIDADE E A ASF SÚMASE Ó PLAN OBESIDADE ZERO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
18 12 2023

​O 39% da poboación galega ten sobrepeso, unhas 849.000 persoas adultas; e o 16,5% ten obesidade, ó redor de 357.000 galegos e galegas. Uns 6 de cada 10 galegos non realizan exercicio físico; e o 41,3% da poboación galega é sedentaria. Estas cifras dan conta de que a metade da poboación galega ten algún problema de obesidade ou de sobrepeso coa incidencia que esta patoloxía ten na saúde, xa que "son factores de risco para enfermidades crónicas e algúns tipos de cancro". Estes e outros datos reflíctense na exposición sobre o Plan galego de Obesidade Zero que se pode ver dende esta semana na entrada principal do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, e que procura unha “poboación galega sa”.

Dende a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade estase a desenvolver este Plan Obesidade Zero en Galicia, dentro do marco de actuación dos determinantes sociais e a equidade cun enfoque de saúde en todas as políticas. Este Plan é o resultado do consenso, a consulta e a participación dos distintos sectores sociais para a prevención do sobrepeso e a obesidade na poboación galega, e terá un prazo de execución que vai dende o pasado ano 2022 ó ano 2030.

Esta mostra ten o obxectivo de dar a coñecer a situación de punto de partida e implicar á poboación cunha destas medidas de comunicación e difusión necesarias para que unha campaña de prevención chegue á cidadanía, dado que é preciso que toda a sociedade participe e se involucre nel, indican dende o departamento sanitario da Xunta de Galicia. De feito, a primeira acción desta estratexia foi a presentación do Plan á cidadanía en xeral, a través dos medios de comunicación no mes de maio de 2022. 

Con motivo de reforzar este coñecemento, e para que esta información poda ser exposta en varios centros sanitarios e administrativos da Xunta de Galicia e así achegarse a máis poboación, creouse esta exposición itinerante formada por 4 carteis informativos, que hoxe se pode ver no Complexo Hospitalario ferrolán. Trátase por tanto, explican dende Saúde Pública, de dar a coñecer o Plan Obesidade Zero en Galicia ós potenciais actores involucrados e ós principais beneficiarios, reforzando a presentación do Plan por parte desta Dirección Xeral nas distintas localidades galegas.

Reducir nun 15% a prevaleza do sobrepeso en Galicia 

Este obxectivo concrétase na exposición cunha meta, que é a de reducir con distintas medidas a prevaleza do sobrepeso en Galicia progresivamente, un 5% no 2025, e ata un 15% no 2030. Este plan ten tres eixos, con 11 obxectivos e 41 accións para chegar a esa meta. O primeiro dos eixos é potenciar as contornas promotoras da saúde impulsando políticas favorables, como o propio plan; avanzar no ámbito escolar na liña de redes promotoras de saúde; promover hábitos de vida saudables no ámbito laboral; e impulsar tamén a promoción da saúde no ámbito sanitario e sociosanitario.

 O segundo dos eixos é capacitar na toma de decisión máis saudables, e isto é, explican, favorecer a adquisición de habilidades na cidadanía; capacitar no ámbito sanitario e educativo; e formar a outros colectivos profesionais relacionados: O terceiro e último dos eixos é investigar e innovar na promoción de saúde, desenvolvendo a rede de investigación en promoción da saúde, innovando continuamente e desenvolvendo un sistema de vixilancia para o sobrepeso, a obesidade e os seus factores de risco. Estas cuestións xa se materializan na Área Sanitaria de Ferrol nalgunhas das charlas que se realizaban o pasado mes sobre cuestións relativas á nutrición, entre outras moitas cosas. 

Por último, destacar tamén os catro factores protectores do sobrepeso e a obesidade ó que lle dedican especialmente un dos paneis desta exposición: manterse activo por múltiples vías, entre elas o exercicio físico; manter a rutina do sono; comer ben para vivir mellor; e coidar o estado de ánimo. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde