A XUNTA ESIXE AO MINISTERIO DE SANIDADE QUE AS DECISIÓNS EN MATERIA DE SAÚDE PÚBLICA SEXAN AVALADAS POLOS EXPERTOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
08 01 2024

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, participou hoxe pola mañá na sesión extraordinaria do Pleno do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, convocada polo Ministerio de Sanidade, para abordar actuacións coordinadas en materia de saúde pública en relación co incremento de infeccións respiratorias.

Segundo Comesaña, a reunión chega tarde, foi improvisada e ademais sen convocar previamente a Ponencia de Alertas nin a Comisión de Saúde Pública. “Non se poden tomar decisións sen escoitar antes aos expertos, así que resulta sorprendente que se convoque un Consello Interterritorial sen reunir antes os técnicos”. 

Nesta reunión, a ministra propuxo o uso universal da máscara e a aposta polos plans de continxencia. O conselleiro recordoulle que os plans de continxencia existen desde antes da pandemia e, cada ano, se revisan despois do verán, para estar preparados ante a chegada, sobre todo, dos virus respiratorios. 

Sobre o uso da máscara, a Xunta xa o recomendou en hospitais e centros de saúde hai 12 días, e por suposto, a súa utilización por parte de persoas con síntomas respiratorios, e vulnerables. En todo caso, o conselleiro sinalou que debe ser cada comunidade autónoma quen determine, entre as medidas dispoñibles e avaladas por criterios técnicos, aquelas que mellor se adapten á súa situación epidemiolóxica. De feito, aínda sendo prudentes, en Galicia o pico da gripe é posible que xa se superara, debido a que segue a baixar a positividade da mesma, que se sitúa nun 30 %, o que supón tres puntos menos que na semana pasada.

Sobre as "autobaixas" das incapacidades temporais, o conselleiro considera que é un tema moi delicado, que require do concurso doutros axentes, como da Seguridade Social, e que as improvisacións non axudan. Galicia está a favor de desburocratizar o traballo en atención primaria, pero sempre escoitando primeiro aos técnicos.

Comesaña recordou que a Xunta de Galicia adiantou en 15 días a campaña de vacinación contra a gripe e a ampliou ata o 12 de xaneiro. Tamén indicou o uso xeneralizado da máscara hai 12 días e tiña os plans de continxencia preparados e en uso dende o pasado mes de outubro. 

Falta de profesionais

No que Galicia si está de acordo co Ministerio de Sanidade é na falta de profesionais, e "iso si require unha reunión urxente", -remarcou Comesaña-, quen sinalou que temos médicos nas súas merecidas vacacións destas datas, “e oxalá houbera substitutos para cubrir esas ausencias”. Faltan, por tanto, -insistiu Comesaña-, profesionais e é necesario formar máis médicos especialistas. 

O conselleiro volveu solicitar á ministra un pleno extraordinario do Consello Interterritorial para abordar este asunto, e insistiu na necesidade de que o Goberno central flexibilice os criterios de acreditacións dos centros, co obxecto de que as comunidades autónomas teñan capacidade para formar máis profesionais.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde