COMESAÑA REMARCA QUE A SIMULACIÓN MÉDICA AVANZADA É UN PIAR FUNDAMENTAL PARA O AVANCE DA MEDICINA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
19 02 2024

O conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, remarcou hoxe, no acto inaugural do Programa LIFESTRAND, celebrado na Facultade de Medicina, que a simulación médica avanzada é unha ferramenta moi potente que permite reproducir experiencias reais a pacientes a través de escenarios controlados e guiados. Ademais, promove o desenvolvemento de habilidades superiores como a comunicación grupal, o traballo en equipo ou a xestión do estrés.

A tal efecto, o titular da carteira sanitaria remarcou que, dende hai anos, o Sergas apostou por promover a formación a través da simulación. Así, o Plan de formación continuada dos profesionais do Servizo Galego de Saúde contempla este ano 36 actividades formativas en simulación. Accións que, -tal e como remarcou Comesaña-, desenvolveranse nas distintas áreas sanitarias e que se relacionan co adestramento no manexo de urxencias hospitalarias prevalentes ou a xestión de situacións críticas nas urxencias dos hospitais.

No acto inaugural destas xornadas, enmarcadas no proxecto europeo Erasmus e organizadas pola USC e SEMERGEN, Comesaña puxo en valor a creación o pasado ano, por parte do seu departamento, da Rede de centros de simulación clínica avanzada do sistema público de saúde de Galicia, co obxectivo de compartir recursos e facilitar a especialización neste campo.

Para rematar a súa intervención, o conselleiro amosou o compromiso da Xunta en seguir avanzando neste proceso de consolidación, organizando e difundindo o acceso aos recursos dispoñibles para que os profesionais do Sergas conten coas ferramentas necesarias para mellorar a calidade asistencial, docente e investigadora a través da simulación clínica, ferramenta non só de formación, senón, tamén, piar fundamental para o avance da medicina.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde