ENTREGA DE BENEFICIOS DA VENDA FOTOGRÁFICA DE PROFESIONAIS DA ÁREA SANITARIA DE FERROL PARA A ASOCIACIÓN PÁRKINSON FERROL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
27 03 2024

​Profesionais da Área Sanitaria de Ferrol entregaron a Asociación Párkinson Ferrol un cheque simbólico por 860 euros que se acadaron coa venta solidaria de Fotografías neste pasado Nadal. A iniciativa partiu do grupo de Fotografía da Asociación Deportivo Cultural da Área Sanitaria de Ferrol (Adecasfe). Os e as artistas colaboradoras e voluntarias da Área, moitos integrantes do curso de Fotografía que desenvolve a Asociación, e que imparte o fotógrafo Eloy Taboada, realizaron e cederon fotografías para a venta, que estiveron expostas durante o Nadal. Nesta ocasión, e como estaba previsto, todo o acadado é destinado integramente á Asociación Párkinson Ferrol. Recollía este cheque o seu actual presidente, Óscar González Montañés.

Así, reuníronse co presidente de Párkinson Ferrol o neurólogo da Área e alumno de Fotografía, Ángel Aneiros; o profesor de Fotografía, Eloy Taboada; e o representante da Asociación Deportivo Cultural da Área, Alberto López, pechando así este ciclo de solidariedade. Dende a Asociación de Párkinson quixeron “destacar o máis fondo agradecemento por esta doazón”. O fotógrafo, Eloy Taboada, subliñou “o valor da fotografía para axudar”; e dende a Adecasfe destacaron a importancia das actividades máis alá do asistencial “onde participan profesionais, en activo e xubilados, e familiares dos e das profesionais”, e que rematan e se consolidan en accións coma esta. 

Exposición solidaria

Lembrar que o pasado decembro a Asociación deportivo cultural fixo un chamamento para que calquera persoa da Área Sanitaria ferrolá puidera ceder as súas imaxes para esta venda benéfica. Puidéronse ver as fotografías cedidas no corredor principal do andar baixo do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, durante algo máis dun mes. Todas tiñan o nome do autor e un número; e se alguén tiña interese nalgunha delas, só había que se achegar á Biblioteca da Área tamén no andar baixo, onde xestionaron esta solidaria acción.

“Agradecemos fondamente a colaboración de tódolos involucrados neste proxecto, cuxa xenerosidade non só adorna as nosas instalacións, senón que brinda apoio á Asociación Párkinson Ferrol”. Así invitaban a participar ós compañeiros no espazo da Biblioteca no portal dos e das profesionais da Área, onde se podían ver tamén cada unha das imaxes expostas e escoller a que se quería levar para contribuír a esta causa. 


EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde