O 061 DE GALICIA PÍDELLES PRECAUCIÓN AOS CONDUTORES NOS DESPRAZAMENTOS DURANTE A SEMANA SANTA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
27 03 2024
Urxencias Sanitarias de Galicia-061, servizo que coordina e xestiona as urxencias e emerxencias sanitarias na Comunidade galega, pídelles aos condutores precaución nas estradas ante o inicio, hoxe mércores, dos desprazamentos polas vacacións de Semana Santa e ata o vindeiro domingo 31 de marzo.

Cando se produce un accidente de tráfico a persoa que se atopa no lugar do sinistro pode ser de grande utilidade. En primeiro lugar, facilitando ao 061 toda a información relevante, e despois, seguindo as indicacións transmitidas polo persoal sanitario da Central de Coordinación do 061 de Galicia ata a chegada dos recursos especializados.

Nestas situacións, resulta fundamental o uso da App Sergas Móbil para chamar ao 061 porque permite xeolocalizar a súa chamada e axilizar así a localización do punto do sinistro. Para isto, deberá haberse rexistrado na App con anterioridade e facer a chamada desde a pestana laranxa Chamar ao 061.

Antes de auxiliar nun sinistro de tráfico debe tratar de aparcar o coche nun sitio seguro, afastado do accidente, e prender as luces de emerxencia. Poña roupa reflectora ou rechamante, pero nunca escura. Por último, sinalice o accidente cos triángulos de sinalización ou coa luz de emerxencia V-16.

O que non se debe facer nunca é poñer en perigo a propia vida. Para iso, antes de atender os accidentados, hai que adoptar as medidas de seguridade axeitadas, para evitar novos accidentes. Igualmente, e salvo que haxa perigo de incendio ou novas colisións, non se debe mover a ningún ferido, xa que poderían agravarse as súas lesións.

Balance Semana Santa 2023

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu, durante a Semana Santa de 2023, 106 persoas debido a 75 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende dende as 15:00 horas do mércores, 5 de abril, ata as 23:59 horas do domingo, 9 de abril de 2023. O maior número de atencións por sinistros rexistrouxe o xoves con 24 accidentes.

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 91 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 75 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atenderon un total de 106 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 59% e do 41% respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 29% dos atendidos tiña entre os 30 e os 44 anos.

Por provincias, Pontevedra foi a que rexistrou máis accidentes con 36 sinistros de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

Provincia

Accidentes

A Coruña

21

Lugo

11

Ourense

7

Pontevedra

36

Galicia

75

En 97 casos os feridos foron trasladados aos centros hospitalarios correspondentes e nove persoas foron asistidas no lugar do sinistro.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde