UN TOTAL DE 25 PERSOAS ESTREABAN AS ANDAINAS SAUDABLES ORGANIZADAS POLO PERSOAL SANITARIO DO CENTRO DE SAÚDE DE PONTEDEUME
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
18 04 2024

​Un total de 25 persoas estreaban onte as andainas saudables organizadas polo persoal sanitario do centro de saúde de Pontedeume da Área Sanitaria de Ferrol. O equipo multidisciplinar conformado polo enfermeiro especialista en Enfermaría Familiar e Comunitaria, Diego Mella Tembrás; o dietista nutricionista, Adrián Pereiro García; e a fisioterapeuta, Fátima Martínez Villar, convocan un día á semana, maioritariamente mércores, a toda a poboación do centro de saúde que queira a participar nesta san actividade. 

Quen o desexe, xa que están dirixidas a todos os perfís e idades, só ten que se presentar ás 11:30 no centro de saúde de Pontedeume nos días indicados, para comezar un circuíto polo paseo marítimo deste Concello, que comeza e remata no propio centro de saúde. Son 60 minutos de traballo con quecemento previo, andaina e estiramentos posteriores, aprendendo a afrontar a andaina do xeito máis correcto. Aproveitase igualmente para que os profesionais ofrezan información sobre pautas de alimentación saudable.

Estas oito andainas saudables comezaban onte 17 de abril e continúan o 24 de abril; o 9, 15, 22 e 29 de maio; e a última destes paseos saudables, o 5 de xuño. No centro de saúde, hai carteis informativos ó respecto e ofertase a actividade durante as consultas. 

Previr a enfermidade

O obxectivo, indican, é o empoderamento da poboación no coidado da súa saúde, coa realización de actividade física e promoción da saúde para a prevención da enfermidade. Xunto con isto, “concienciar á poboación da importancia da mellora dos hábitos saudables e o impacto sobre a saúde; establecer vencellos sociais e reforzar as relacións entre as persoas participantes; reforzar pautas de alimentación saudable, así como resolver dúbidas frecuentes e aportar información veraz sobre nutrición e alimentación; e potenciar a presenza do equipo sanitario no ámbito da comunidade”.

Estes profesionais parten da base de que as enfermidades cardiovasculares son unha importante causa de mortalidade e morbilidade, sendo a principal causa de morte en España. Xunto con isto, que o 37% da sociedade española ten sobrepeso e o 16% obesidade. Realizar actividade física de xeito regular constitúe un piar fundamental á hora de abordar a maioría dos factores de risco cardiovascular. 

As directrices da Organización Mundial da Saúde sobre  actividade física en adultos de entre 18 e 64 anos indican a recomendación de actividade aeróbica moderada durante entre 150 e 300 minutos semanais á semana, e actividade física aeróbica intensa durante 75-150 minutos semanais. Nos adultos maiores de 65 anos, esta recomendación complétase coa realización de actividades físicas variadas multicompoñente que lles permite mellorar a capacidade funcional e previr caídas. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde