O CHUF RENOVA EQUIPAMENTO E CONFIGURA UNHA NOVA SALA PARA ABORDAR A PATOLOXÍA DIXESTIVA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
20 04 2024
 

​O Servizo Galego de Saúde publica no seu portal de alertas a contratación e mantemento de equipamento de vídeo endoscopia (pantalla e procesador que vale para facer varias probas), ecografía e ecoendoscopia para o Servizo de Dixestivo no Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Isto suporá a renovación dos equipos actuais e a incorporación dunha nova sala, unha cuarta sala, no Hospital Arquitecto Marcide, que xunto á sala de endoscopias do Hospital naval, completan as salas dispoñibles para a realización de exploracións ecográficas e endoscópicas no manexo de patoloxías do tracto dixestivo e hepato-biliar, e tanto con fin diagnóstico como terapéutico.

Por un importe de 677.912,36 euros co IVE incluído, contémplase parataxe novo, con melloras, máis avanzado tecnoloxicamente, para abordar o incremento xeneralizado destas exploracións. Este contrato que se publica inclúe transporte, entrega, instalación, posta en marcha, formación do persoal e mantemento do equipamento durante a vixencia do contrato, que é de catro anos. Como resume a responsable do Servizo de Dixestivo, Ana Echarri Piúdo, “é unha actualización do equipamento, e, ademais, unha mellor organización da actividade para optimizar toda a patoloxía biliar e a estadiaxe tumoral no ámbito dixestivo”.

Atender con tecnoloxía renovada ó incremento de actividade

A actual abordaxe pancreática e biliar, cancros de páncreas e das vías biliares, ou afectación litiásica da vía biliar, veu incrementar a realización de técnicas endoscópicas, ecogáficas e ecoendoscópicas no Servizo de Dixestivo do Complexo, tanto en número como en complexidade. Xunto con isto, o número de ecografías intestinais ten ascendido tamén ó integralas no seguimento do paciente con enfermidade inflamatoria intestinal, na Unidade de Atención Integral coa que conta este Servizo para a abordaxe desta patoloxía. 

Partindo desta situación, a incorporación desta nova parataxe realízase en paralelo tamén á activación dunha nova sala de endoscopia, a cuarta, antes eran tres, destinada a este tipo de probas. Así, esta sala abrangue a actividade ecoendoscópica complexa, e actualízase a dotación que permite a monitorización tanto endoscópica como ecográfica da patoloxía hepática, esofágico-gástrica e da enfermidade inflamatoria intestinal. “Esta actividade facíase, pero non era tan numerosa, e non estaba organizada en axendas cos seus espazos propios, polo que se mellora a estrutura para mellores prestacións”, engade a responsable deste Servizo de Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, no que se realizan entre 15 e 20 procesos deste tipo á semana.

Este contrato é nun lote único de diferentes tecnoloxías relacionadas, xa que tanto o equipo de vídeo endoscopia dixestiva alta como o de ecografía, serán compatibles co torre de imaxe e vídeo procesador, coa fin de cumprir os obxectivos de asistencia de pacientes con esta patoloxía hepática e biliar. Isto é así, por exemplo, porque, nun mesmo paciente con afectación tumoral, é necesario tamén a exploración da mucosa gastrointestinal ou a resección endoscópica se a lesión está localizada, mediante gastroscopia; ou a abordaxe de drenaxe biliar en tumores biliopancreáticos combinado (endoscopia e ecoendoscopia) que complete a exploración nesa mesma sala para emprego de ámbolos dous tipos de tubo cun mesmo vídeo procesador. “Estas probas viñeron substituír en moitos casos ás cirurxías, en beneficio do paciente, co que así dáselle unha resposta mellor”, remata Ana Echarri.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde