RESIDENTES DE ENFERMARÍA FAMILIAR E COMUNITARIA DA ASF PRESENTAN O SEU TRABALLO FINAL SOBRE A ABORDAXE DA FRAXILIDADE DOS PACIENTES NOS CENTROS DE SAÚDE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
27 04 2024

​Seis residentes de segundo ano de Enfermaría Familiar e Comunitaria presentaban onte o seu traballo fin de grao (TFG) sobre fraxilidade nos maiores de 70 anos na Área Sanitaria de Ferrol. Estas profesionais estiveron a impartir formación dende o pasado 8 de xaneiro, e ata o 8 de febreiro, ós seus compañeiros e compañeiras polos distintos centros de saúde da Área Sanitaria de Ferrol para previr, manexar ou intervir na fraxilidade en persoas maiores de 70 anos. No salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide, resumiron as intervencións e as opinións dos e das profesionais da Área, cunha investigación cuantitativa e cualitativa sobre a fraxilidade. Tamén ensinaron con imaxes e vídeos as súas intervencións con maiores da Área Sanitaria de Ferrol. 

Tatiana Roca, Laura del Rosario, Natalia Iglesias, Paula Ramos, Marta Torres e Laura Villar partían dunha premisa para o seu traballo, “cada vez vívense máis anos, e o importante é que eses anos se vivan coa maior calidade de vida posible”. A fraxilidade, protagonista da súa investigación, é un preditor estrela para o risco de dependencia, caídas, ou posibles hospitalizacións, por exemplo. 

A clave era dar a coñecer esta cuestión ós seus compañeiros e compañeiras de Enfermaría da Área, actualizar e aportar os coñecementos sobre a fraxilidade; e ver a posibilidade de instaurar futuros cribados e programas con intervencións específicas neste eido. Para isto realizaron un total de 33 sesións en 11 centros de saúde. Foron tres sesións de dúas horas en tódolos Servizos de Atención Primaria da Área ferrolá. Alí, facilitaron as ferramentas aglutinadas en torno a esta cuestión ós seus compañeiros e compañeiras nos centros de saúde, que xa captan posibles persoas que presenten risco desa fraxilidade, entendida como o deterioro da capacidade funcional acentuada co paso dos anos. 

Puxeron a disposición dos compañeiros e compañeiras nos centros de saúde ferramentas validadas xa existentes, e probas de desempeño físico como test de velocidade da marcha, ou de equilibrio, para poder cribar ás persoas maiores de 70 anos con risco de fraxilidade. Con estas medidas, cáptanse estes pacientes para, se é necesario, aplicar medidas que lles axuden a reforzar o seu organismo, previr lesións e situacións que provoquen dependencia ou deterioro funcional, e, en definitiva, loitar contra esa fraxilidade e proporcionar anos de vida saudable e de calidade. É a primeira Área Sanitaria que sistematiza esta dinámica, en colaboración co departamento de Estilos de Vida Saudables da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, e como pilotaxe previo para o posible desenvolvemento dun posible cribado a nivel autonómico.

Conclusións, fraxilidade aspecto importante

Basean a intervención, polo tanto, en invitar ós e ás profesionais a captar ás persoas maiores de 70 anos da Área con fraxilidade, tanto de xeito oportunista, cando se acude a algunha consulta, como de xeito activo. Pásanselle durante a valoración a esas persoas os algoritmos e escalas que xa existen a este respecto, como a de Barthel, e as probas de execución tales como test de equilibrio, de velocidade da marcha, e de se levantar da cadeira. Faise tamén unha valoración do risco de caídas. Recóllense nuns dípticos elaborados por elas todas estas cuestións, publicación e outros materiais que deixan ós compañeiros e compañeiras da enfermaría para poder ter a man recursos de apoio para levalo a cabo. Tamén están accesibles xa na Intranet, no portal interno dos e das traballadoras, todos eses materiais realizados especificamente para consulta dende os propios ordenadores. 

A partir de aí, en función do resultado do cribado, prodúcese unha “atención individualizada” a cada persoa, explican, realizando intervencións adaptadas en diferentes aspectos como, por exemplo, facilitar táboas de exercicio multicompoñente (de forza, aeróbico, e de equilibrio e flexibilidade); avaliacións da situación nutricional; revisión de medicacións; e actuando sobre o risco de caídas e a soidade non desexada, entre outros. Elas mesmas materializaron esa actividade con distintos grupos da Área, dos que deron conta onte con imaxes e vídeos.

O que se busca con esta intervención por parte destas xa case enfermeiras especialistas é que se integre esta abordaxe na práctica diaria e se sistematicen estes indicadores, tal e como xa sucede con outros como a tensión arterial, ou o nivel de azucre, etc... “Se se incorpora como programa, pódese actuar sobre a saúde futura das persoas, xa que esa fraxilidade é unha problemática relevante na  nosa poboación cada vez máis envellecida, e supón un reto para a sociedade, sendo en moitos casos prevenible e reversible”, rematan. Concluían onte, tralo estudo dos datos e enquisas recompiladas, que as e os profesionais da Área consideren moi relevante esta formación, e que “o estudo aporta datos preliminares para a futura implantación deses cribados de fraxilidade”, que esperan se poidan aplicar.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde