A XUNTA DESTINARÁ ESTE ANO 300.000 EUROS A INCENTIVOS PARA A REALIZACIÓN DE PROGRAMAS E ACTIVIDADES DE CARÁCTER SOCIOSANITARIO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
13 05 2024

A Xunta destinará este ano 300.000 euros a incentivos para a realización de programas e actividades de carácter sociosanitario desenvolvidas por entidades sen ánimo de lucro.

O Consello da Xunta coñeceu esta mañá un informe da Consellería de Sanidade en relación coa nova orde de subvencións para este ano 2024, que ten por obxectivo apoiar o desenvolvemento de programas de carácter sociosanitario por parte das entidades sen ánimo de lucro.

A Xunta impulsará catro liñas de axuda para apoiar a realización de actividades, accións e medidas dirixidas a apoiar aquelas persoas que teñen necesidades sociosanitarias especiais.

En concreto, a primeira liña de incentivos contará cunha partida de 115.000 euros e irá dirixida a impulsar os programas relacionados con enfermidades neurodexenerativas, como o alzheimer, a demencia ou o párkinson. A segunda liña de axudas, para as que se dispón unha partida de 65.000 euros, apoiará actividades vinculadas ao trastorno do espectro autista. A terceira liña disporá de 60.000 euros para programas que abordan o dano cerebral adquirido, a parálise cerebral ou a epilepsia. Por último, a orde disporá dunha partida de 60.000 euros destinada a unha cuarta liña de axudas centrada nas enfermidades raras, o linfedema e a síndrome de Down.

Na convocatoria deste 2024, o Executivo galego incrementa en 50.000 euros a partida orzamentaria destinada aos programas sociosanitarios que realizan as entidades sen ánimo de lucro. Ademais, incorpora como novidade as actividades que teñan como destinatarias as persoas con síndrome de Down.

A finalidade desta liña de incentivos é mellorar a calidade de vida das persoas con necesidades de atención sociosanitaria asociadas e con elas búscase aumentar a súa autonomía, favorecer a súa rehabilitación, mellorar a súa integración, ou paliar as posibles limitacións que atopan estas persoas no seu día a día.

Deste xeito, a Xunta subvencionará aqueles programas que, relacionados con estas doenzas, aborden os eidos da rehabilitación fisioterapéutica, a logopedia, o ámbito cognitivo, as terapias ocupacionais ou o apoio psicolóxico destinado á atención e rehabilitación destes colectivos.

As entidades sen ánimo de lucro que queiran optar a estes incentivos farano en réxime de concorrencia competitiva. Poderán solicitar a súa inclusión nunha única liña do programa e optar a incentivos que oscilarán entre os 4.000 e os 12.000 euros.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde