O
97% das zonas rexistradas no censo de augas de baño de Galicia conta
cunha clasificación sanitaria de excelente ou boa. Así se recolle
no informe final sobre o Programa de vixilancia sanitaria das zonas
de baño 2023 elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública da
Consellería de Sanidade presentado hoxe no Consello da Xunta.
O
Goberno galego iniciará o vindeiro 1 de xuño unha nova campaña do
Programa de vixilancia, tomando como referencia o informe final da
pasada tempada.
Na
pasada tempada, e con motivo da entrada en vigor do Decreto 175/2022,
do
13 de outubro, sobre vixilancia sanitaria das augas de baño de
Galicia, a Xunta fixo públicas as augas de baño que pasan a formar
parte do novo Rexistro de Augas de Baño de Galicia, ben na sección
I (augas de baño incluídas no Censo de zonas de augas de baño, na
sección II (augas de baño en avaliación) ou na sección III (augas
con prohibición permanente do baño).
Na
sección I do rexistro da temporada 2023 figura un total de 498 zonas
de baño, con 515 puntos de mostraxe que se atopan en 117 concellos.
Destes
515 puntos de mostraxe, o 91,8% obtivo unha clasificación sanitaria
de excelente. Trátase dunha das mellores porcentaxes desde que se
comezou a empregar o sistema de cálculo da clasificación sanitaria
actual adaptado á normativa europea, en 2011, cando se situaba no
70,7%.
Durante
2023, o 5,4 % das zonas de baño obtiveron unha clasificación boa e
o 1,2% unha clasificación suficiente. Tan só no 1,2% dos puntos de
mostraxe analizados se atopou unha clasificación insuficiente,
mentres que un 0,4% de puntos quedaron sen clasificar por haber dúas
praias ás que non foi posible acceder.
En
total, recolléronse máis de 5.000 mostras.
Por
primeira vez, analizáronse as augas da área recreativa de Brocos,
no encoro de Portodemouros, no concello de Agolada (Pontevedra) e o
resultado da súa avaliación sanitaria foi de excelente.
En
xeral, obsérvase unha tendencia á mellora na calidade das augas de
baño cada temporada, ao se incrementar a porcentaxe de praias con
clasificación sanitaria de excelente e diminuír aquelas con
clasificación sanitaria insuficiente.
A
vixilancia sanitaria realizouse no 96,2% dos puntos de mostraxe
censados, agás nas dúas zonas de baño inaccesibles. O 100% dos
episodios de contaminación foron comunicados aos concellos
implicados.
Esta
vixilancia é importante porque o uso recreativo das augas de baño
pode ter perigos e riscos para a saúde dos usuarios. A contaminación
bacteriana pode provocar gastroenterite ou enfermidades respiratorias
nas persoas que se bañen en augas contaminadas. Aínda que estas
enfermidades raramente son graves, o número de persoas expostas pode
ser elevado debido á importante afluencia que rexistran praias, ríos
ou lagoas.
Galicia,
con respecto ao último censo nacional de 2022, conta co 21,4% das
zonas de baño marítimas de España e o 3,1% en zonas continentais.
Información
á disposición da cidadanía
A
temporada de baño establécese, con carácter xeral, desde o 1 de
xuño ata o 30 de setembro de cada ano. A vixilancia sanitaria das
zonas de baño consiste na mostraxe periódica da auga destas zonas
incluídas nas seccións I e II do rexistro. Recóllense en total 10
mostras de cada zona, unha antes do inicio da tempada e as nove
restantes ao longo desta cunha periodicidade aproximadamente
quincenal.
Nas
mostras de auga analízanse os parámetros microbiolóxicos
enterococos intestinais e Escherichia coli. Ao final da temporada,
cos resultados obtidos calcúlase a clasificación sanitaria de cada
zona de baño mediante o sistema descrito na Directiva 2006/7/CE.
Tamén se leva a cabo a inspección anual de todas as zonas de baño
e, en coordinación coas administracións competentes, a xestión do
risco para a saúde derivado da exposición ás cianobacterias e ás
súas toxinas nos encoros con zonas de baño.
Desde
o inicio da temporada, infórmase da clasificación sanitaria das
augas de baño e dos resultados microbiolóxicos obtidos nas
mostraxes na páxina
web da Consellería de Sanidade
e no mapa
de zonas de baño de Galicia.
Así
mesmo, os resultados microbiolóxicos introdúcense no Sistema de
información nacional de augas de baño (Náyade). Unha vez calculada
a clasificación sanitaria final de cada zona de baño, publícase
tamén na páxina web. Deste xeito, facilítase que todos os usuarios
das zonas de baño teñan información suficiente e facilmente
dispoñible sobre a calidade das augas.
No
caso de augas con clasificación sanitaria insuficiente, a autoridade
competente velará para que se adopten medidas que incluirán a
prohibición do baño ou a recomendación de absterse deste, para
evitar a exposición dos bañistas á contaminación. Tamén deberán
determinarse as causas e motivos polos que non se acada a
clasificación suficiente e adoptar as actuacións axeitadas para
previr, reducir ou eliminar as causas de contaminación, ademais da
comunicación á poboación desta información.