A AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE PROMOVE UNHA CAMPAÑA ESPECIAL DE SENSIBILIZACIÓN COAS ESCOLAS DEPORTIVAS VIGO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
15 05 2024

A Axencia de Doazón de Órganos e  Sangue (ADOS) e as Escolas Deportivas Vigo promoven o solidario xesto da doazón de sangue cunha visita ata as instalacións do Estadio de Balaídos hoxe, mércores 15 de maio. O obxectivo da campaña é aumentar a sensibilización a prol da doazón de sangue e acadar a participación dos familiares dos nenos e nenas que asisten as Escolas Deportivas Vigo, así como dos traballadores e traballadoras deste programa.

Para facilitar a doazón de todas as persoas que desexen participar, unha unidade móbil da Axencia estará esta tarde, das 15:30 ás 20:00 horas, diante da grada de río do Estadio de Balaídos.

Concienciación social

A dirección de ADOS destaca a importancia da colaboración de colectivos e institucións de todos os eidos para lograr unha conciencia altruísta proclive á doazón como, neste caso, están a impulsar as Escolas Deportivas Vigo, xa que poden unir os valores positivos do ámbito deportivo á nosa mensaxe e transmitila con maior proximidade por ter un amplo calado social. Así mesmo, achega a importancia da doazón de sangue aos nenos e nenas para que comecen a coñecer, no seo das súas familias, como un xesto sinxelo, resulta imprescindible para salvar vidas.

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue quere agradecer sinceramente a todos os membros das Escolas Deportivas Vigo a súa especial sensibilidade en torno á actividade desenvolvida por ADOS, así como o seu decidido compromiso, desde hai anos, para impulsar a doazón.

Obxectivo de sensibilización

Esta campaña forma parte das iniciativas para sensibilizar á cidadanía viguesa a prol da doazón de sangue. Vigo foi a cidade galega, con 12.741 doazóns, con maior participación no pasado 2023, situándose nunha taxa de 43 doazóns de sangue por cada 1.000 habitantes e ano.

A taxa de doazón da cidade de Vigo atopase dentro das recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS), pero faise preciso continuar traballando para aumentar a participación de todos os colectivos e animar a todas aquelas persoas que aínda non teñen doado sangue, a que o fagan. 

Doar é moi sinxelo e seguro

Pode doar sangue calquera persoa maior de idade, que pese máis de 50 quilos e que non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue. A doazón de sangue é un acto sinxelo que permite a moitas persoas solucionar o seu problema de saúde e mesmo salvar vidas. Ademais, sinalar que sempre están presentes as máis rigorosas medidas de seguridade.

Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto de información 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde