GÓMEZ CAAMAÑO CONVIDA Á NOVA XERENTE DA ÁREA SANITARIA DE FERROL A TRABALLAR A PROL DUNHA SANIDADE PÚBLICA DE CALIDADE ORIENTADA AO COIDADO DOS PACIENTES E DOS PROFESIONAIS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
15 05 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, convidou hoxe á nova xerente da área sanitaria de Ferrol, Fernanda López Crecente, a traballar a prol dunha sanidade pública de calidade orientada ao coidados dos pacientes e dos profesionais sanitarios. 

Gómez Caamaño, acompañado pola delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros; polo xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada; e polo director de Asistencia Sanitaria, Alfredo Silva, presidiu esta mañá no Hospital Universitario de Ferrol a presentación aos profesionais da área da nova xerente, acto ao que tamén asistiu o anterior xerente, Ángel Facio Villanueva.

Na súa intervención, o conselleiro puxo en valor que Galicia ten un sistema de saúde de primeirísimo nivel, “do que debemos estar moi orgullosos”, porén incidiu na necesidade de seguir traballando por protexelo, preservalo e  por optimizalo.

Para iso, Gómez Caamaño apostou polo diálogo: “a nosa vontade é falar de todo e con todos”. 

Incidiu na necesidade de acadar unha sanidade pública baseada nunha interacción real e eficiente entre a atención primaria e a atención hospitalaria, para que a continuidade asistencial deixe de ser un concepto abstracto nos plans estratéxicos e pase a ser unha realidade que incida positivamente nos pacientes.

Aspiramos -proseguiu Gómez Caamaño-, a unha sanidade pública de calidade orientada “aos resultados en saúde da poboación e que coide aos pacientes e tamén a aqueles que coidan aos doentes”.

Protexer aos profesionais e adaptar o sistema ás necesidades da poboación

Protexer a todos os profesionais do ámbito sanitario e facer que os médicos traballen de médicos, eliminando toda a burocracia que non achega nada é outro dos principais obxectivos sinalados hoxe por Gómez Caamaño.

Especial énfase puxo na necesidade de prestixiar a atención primaria e a figura do médico de familia, “posto que son eles os máximos protectores da saúde da cidadanía”. 

Da nova xerente da área sanitaria, o conselleiro destacou a súa ampla experiencia e o traballo incansable ao longo de moitos anos a prol da sanidade pública galega.

Igualmente, salientou a dedicación e o compromiso de Ángel Facio, que agora pasa a dirixir a área sanitaria de Santiago e Barbanza. 

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud