Un
equipo de profesionais de Enfermaría da Área Sanitaria de
Pontevedra e O Salnés coordinará un proxecto de investigación a
nivel europeo chamado Icarewounds,
que consiste no desenvolvemento con intelixencia artificial dun modelo informático integral de coidado de pacientes para abordar o
tratamento de feridas crónicas. Tras un longo traballo de varios
anos, este proxecto acadou financiamento europeo dotado cun millón e
medio de euros.
Trátase
dunha alianza con outros investigadores do ámbito sanitario
procedentes de Italia, Polonia, Irlanda e Finlandia, xunto aos que
concorreron á primeira convocatoria da iniciativa supranacional THCS
(The European Partnership on Transforming Health And Care Systems),
que leva por nome "Healthcare
of the future".
O
proxecto comeza neste mes de maio e terá unha duración de tres
anos. En concreto, dende a Área Sanitaria de Pontevedra-Salnés se
liderará o estudio clínico “multicéntrico” que se levará cabo
en hospitais de tres países (España, Irlanda e Polonia), co que se
pretende validar ese modelo informático co obxectivo final de que
esa aplicación poida ser unha ferramenta implantada nos sistemas
sanitarios reais.
Profesionais
pontevedreses de ampla traxectoria
O
investigador principal é o enfermeiro José Manuel Rosendo
Fernández, supervisor de Procesos e Coidados de Enfermería e
responsable da Unidade de Feridas da Área Sanitaria de Pontevedra e
O Salnés.
Xunto
a él participan outros profesionais pontevedreses da Enfermaría con
ampla traxectoria: Ana García Fernández, subdirectora de Enfermaría
da Área Sanitaria; José Antonio Esperón Güimil, enfermeiro do
centro de saúde de Anafans en Poio; e Teresa Loureiro Rodríguez,
supervisora da Unidade de Corta Estancia do Hospital Montecelo.
Todos
eles pertencen ao Grupo de Investigación Calidade de Vida “QoLE”
do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS), que é
a institución que da soporte e coordinará todo este traballo de
investigación, co soporte do centro tecnolóxico Gradiant, de Vigo,
empresa responsable do desenvolvemento do modelo da aplicación.
Apoio
no diagnóstico para persoal non experto
Basicamente,
o proxecto Icarewounds
traballará nunha aplicación informática que tratará de integrar
novas tecnoloxías e outras xa existentes de eSaude
e intelixencia artificial fiables, coas que poder diagnosticar unha
ferida crónica no paciente. Esta innovación permitirá
optimizar os procesos, facilitar ao persoal sanitario a toma de
decisión sobre os mellores tratamentos en cada situación, reducir
os tempos de curación e o custo en apósitos e outros recursos
sanitarios.
Ademais,
facilitará a personalización dos coidados, dotará ao persoal
sanitario de ferramentas para optimizar a atención, posibilitará a
comunicación e colaboración entre niveis asistenciais e a
prestación de coidados sen fisuras, e evitará a aparición de
eventos adversos.