​UN EQUIPO DE ENFERMARÍA DA ÁREA SANITARIA LIDERA DENDE PONTEVEDRA UN PROXECTO EUROPEO PARA TRATAR FERIDAS CRÓNICAS CON AXUDA DE INTELIXENCIA ARTIFICIAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
13 05 2024

Un equipo de profesionais de Enfermaría da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés coordinará un proxecto de investigación a nivel europeo chamado Icarewounds, que consiste no desenvolvemento con intelixencia artificial dun modelo informático integral de coidado de pacientes para abordar o tratamento de feridas crónicas. Tras un longo traballo de varios anos, este proxecto acadou financiamento europeo dotado cun millón e medio de euros.


Trátase dunha alianza con outros investigadores do ámbito sanitario procedentes de Italia, Polonia, Irlanda e Finlandia, xunto aos que concorreron á primeira convocatoria da iniciativa supranacional THCS (The European Partnership on Transforming Health And Care Systems), que leva por nome "Healthcare of the future".


O proxecto comeza neste mes de maio e terá unha duración de tres anos. En concreto, dende a Área Sanitaria de Pontevedra-Salnés se liderará o estudio clínico “multicéntrico” que se levará cabo en hospitais de tres países (España, Irlanda e Polonia), co que se pretende validar ese modelo informático co obxectivo final de que esa aplicación poida ser unha ferramenta implantada nos sistemas sanitarios reais.


Profesionais pontevedreses de ampla traxectoria

O investigador principal é o enfermeiro José Manuel Rosendo Fernández, supervisor de Procesos e Coidados de Enfermería e responsable da Unidade de Feridas da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Xunto a él participan outros profesionais pontevedreses da Enfermaría con ampla traxectoria: Ana García Fernández, subdirectora de Enfermaría da Área Sanitaria; José Antonio Esperón Güimil, enfermeiro do centro de saúde de Anafans en Poio; e Teresa Loureiro Rodríguez, supervisora da Unidade de Corta Estancia do Hospital Montecelo.


Todos eles pertencen ao Grupo de Investigación Calidade de Vida “QoLE” do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS), que é a institución que da soporte e coordinará todo este traballo de investigación, co soporte do centro tecnolóxico Gradiant, de Vigo, empresa responsable do desenvolvemento do modelo da aplicación.


Apoio no diagnóstico para persoal non experto

Basicamente, o proxecto Icarewounds traballará nunha aplicación informática que tratará de integrar novas tecnoloxías e outras xa existentes de eSaude e intelixencia artificial fiables, coas que poder diagnosticar unha ferida crónica no paciente. Esta innovación permitirá optimizar os procesos, facilitar ao persoal sanitario a toma de decisión sobre os mellores tratamentos en cada situación, reducir os tempos de curación e o custo en apósitos e outros recursos sanitarios.


Ademais, facilitará a personalización dos coidados, dotará ao persoal sanitario de ferramentas para optimizar a atención, posibilitará a comunicación e colaboración entre niveis asistenciais e a prestación de coidados sen fisuras, e evitará a aparición de eventos adversos.​ 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud