O CONSELLEIRO DE SANIDADE REMARCA A IMPORTANCIA DE ELIMINAR A BUROCRACIA NO TRABALLO DOS MÉDICOS PARA CENTRAR A ATENCIÓN NO PACIENTE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
16 05 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, remarcou hoxe a importancia de eliminar a burocracia no traballo dos médicos para centrar a atención no paciente. 

Así o sinalou na súa visita á área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, nun encontro de traballo cos profesionais da área que tivo lugar no Hospital de Montecelo e ao que tamén asistiu o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera Ocampo, o director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva Tojo e o xerente da área sanitaria, José Flores Arias.

Na súa intervención, o conselleiro detallou as que serán as liñas estratéxicas da Consellería para esta lexislatura. Comezou destacando que Galicia ten un sistema de saúde de moi alto nivel, “do que debemos estar moi orgullosos”, pero é necesario cambiar a maneira de traballar para protexelo, preservalo e optimizalo e, a tal efecto, fixo unha aposta polo diálogo, posto que a súa vontade “é falar de todo e con todos”. 

Gómez Caamaño tamén avogou por un pacto entre a Administración, os profesionais sanitarios e a poboación para definir realmente o tipo de sanidade que queremos para o futuro.

O máximo responsable do Sergas, incidiu na necesidade de acadar unha sanidade pública baseada nunha interacción real e eficiente entre a atención primaria e a atención hospitalaria, para que a continuidade asistencial deixe de ser un concepto abstracto nos plans estratéxicos e pase a ser unha realidade que incida positivamente nos pacientes.

Gómez Caamaño avogou por unha sanidade pública de calidade orientada “aos resultados en saúde da poboación, que coide aos pacientes e tamén a aqueles que coidan aos doentes”.

Xunto ao anterior, o máximo responsable da carteira sanitaria puxo especial énfase na necesidade de prestixiar a figura de todos os profesionais do ámbito da saúde, comezando polos médicos de atención primaria, xa que son eles, dixo, “os máximos protectores da saúde da cidadanía”. 

Outros dos obxectivos sinalados polo conselleiro para esta lexislatura é responder con axilidade aos retos que ten a sanidade, como é a integración dunha maneira racional da innovación tecnolóxica, a farmacolóxica, a intelixencia artificial e a medicina de precisión.

Tamén considera vital Gómez Caamaño adaptar o sistema sanitario ás necesidades dunha poboación envellecida como é a galega, que vai necesitar coidados especiais, é ás prioridades e necesidades das novas xeracións de profesionais sanitarios, “que non son as mesmas que as de antes”.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud