O CHUF INCORPORA A INTELIXENCIA ARTIFICIAL PARA ALGUNHAS PROBAS RADIOLÓXICAS DE URXENCIAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
17 05 2024

​ O Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol incorpora a Intelixencia Artificial para algunhas das probas radiolóxicas solicitadas no Servizo de Urxencias. Estase a probar nunha das salas do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo. Cando unha persoa acude ó hospital de xeito urxente, e é necesaria unha proba radiolóxica para confirmar unha sospeita diagnóstica no ámbito musculoesquelético ou de tórax, que son os eidos nos que esta solución ten validación ó respecto, a correspondente proba inxírese no programa instalado, e xa adianta catro resultados: se esa proba é positiva, negativa, non avaliable, ou existe algunha dúbida. Así xa se descarta a proba negativa, e tódalas probas non avaliables, positivas, ou dubidosas son avaliadas polo especialista en Radioloxía.

Esta forma de intelixencia artificial pode actuar exactamente ante unha sospeita por parte do clínico de determinadas lesións: fracturas e derrames de cóbado, xeonllo, ou nocello; luxacións, lesións óseas focais, por exemplo, no ámbito musculoesquelético; e de pneumotórax, consolidacións, derrames pleurais, nódulos ou masas mediastínicas no que se refire ó ámbito da detección de patoloxías en placas de tórax. Na actualidade, realízanse máis de 43.000 probas deste tipo ó ano nas Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.

Menos tempo para o paciente axuda para o profesional

Así, cando o profesional na Urxencia ten unha sospeita clínica pola que solicita a correspondente proba, poderá agora ter máis rápido un resultado que lle dea certeza para tomar decisións o máis rápido posible. Redúcense considerablemente os tempos de demora no resultado desa proba posto que facilita que tanto o propio profesional de urxencias como radiólogo poidan discriminar rapidamente os resultados negativos (sen lesión detectada dentro das opcións para as que o algoritmo está adestrado), avaliar os non avaliables ou que exista dúbida, e centrarse con maior celeridade nos positivos, nos que existe unha patoloxía á que hai que dar resposta. En definitiva, esta ferramenta de apoio diagnóstico diminúe o tempo de espera do resultado radiolóxico, e axiliza e axuda a tomar decisións ós profesionais sanitarios.

Lembrar que a Intelixencia Artificial nestes casos aporta o adestramento previo en milleiros de imaxes de lesións semellantes. Neste caso, a ferramenta incorporada foi validada, e realizouse unha avaliación do rendemento en rutina clínica por tres meses en 17 centros hospitalarios, tendo un valor predictivo do negativo do 99,5%. Este proxecto é posible, como en moitas outras ocasións, pola colaboración do Servizo de Informática cos asistencias na procura de solucións que facilitan o traballo diario e beneficien ó paciente. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde