​A AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE E O O CENTRO COMERCIAL MARINEDA CITY PROMOVERÁN O SÁBADO 18 UNHA CAMPAÑA ESPECIAL DE DOAZÓN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
18 05 2024
 

A Axencia de Doazón de Órganos e  Sangue (ADOS) e o Centro Comercial Marineda City promoverán o sábado 18 de maio unha campaña especial de doazón, na que todos os doantes recibirán, como agasallo un vale por un almorzo, cortesía da superficie comercial coruñesa.

O Centro Comercial Marineda City promove nunha nova oportunidade unha iniciativa destinada a sensibilizar e promover o solidario xesto da doazón de sangue nas súas instalacións, co obxectivo de incentivar a participación do maior número de usuarios e usuarias das instalacións comerciais. 

Para isto unha unidade móbil da Axencia estará estacionada na entrada da Praza, ao carón da parada de taxis, das 10:00 ás 15:00 horas para posibilitar a doazón de todas as persoas que desexen participar.

Fomento da solidariedade

A dirección de ADOS destaca a importancia da colaboración de colectivos e institucións de todos os ámbitos para lograr unha conciencia solidaria proclive á doazón como, neste caso, está a impulsar o Centro Comercial Marineda City que conta cunha longa traxectoria de participación desde o ano 2011, data da primeira das dez visitas desenvolvidas nestas instalacións ata a actualidade.

Desde a Axencia amosar ao Centro Comercial Marineda City o noso sincero agradecemento pola súa inestimable colaboración e compromiso, recoñecemento que facemos extensivo a todas as persoas que doaron sangue nas visitas precedentes.

Obxectivo de sensibilización

Esta campaña tenta permitir un aumento na sensibilización social a prol da doazón de sangue na Coruña, cidade que, con 10.068 doazóns, foi a segunda urbe galega con maior volume de doazóns no pasado 2023. A Coruña situouse nunha taxa de 41 doazóns de sangue por cada 1.000 habitantes e ano, índice que se atopa dentro das recomendacións da Organización Mundial da Saúde.

Doar é moi sinxelo e seguro

Pode doar sangue calquera persoa maior de idade, que pese máis de 50 quilos e que non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue. A doazón de sangue é un acto sinxelo que permite a moitas persoas solucionar o seu problema de saúde e mesmo salvar vidas. Ademais, sinalar que sempre están presentes as máis rigorosas medidas de seguridade.

Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto de información 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud