​GALICIA PARTICIPA NA ASEMBLEA XERAL DA REDE EUROPEA DE COMPRADORES PÚBLICOS DE INNOVACIÓN SANITARIA PROCURE4HEALTH QUE SE CELEBROU EN PORTO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
19 05 2024

Galicia participou, os pasados días 13, 14 e 15 de maio en Porto, na asemblea xeral de socios do proxecto PROCURE4HEALTH, destinado á creación dunha rede europea de compra pública innovadora no eido da saúde, xunto co intercambio de boas prácticas e coñecementos.

No encontro participaron, en representación do Servizo Galego de Saúde, Javier Quiles del Río, subdirector de Sistemas e Tecnoloxías da Información da área sanitaria de Ferrol; e por parte da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, o seu director da área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria, José María Romero.

No primeiro día da asemblea presentáronse os progresos para cada un dos paquetes de traballo nos que está divido o proxecto, ademais de realizar unha visita ao centro médico portugués Atrys. Un dos aspectos destacados da xornada foi a elevada valoración por parte dos asistentes nos “twinnings”, reunións de irmandade nas que Galicia xa participou recibindo rexións europeas, e noutras coma en Zaragoza, co obxectivo de aprender de boas prácticas relacionadas coa compra pública innovadora no sector da saúde.

Nas seguintes xornadas traballouse na elaboración dun plan de acción en compra pública innovadora de saúde para a Comisión Europea. Nos diversos relatorios e mesas de traballo avaliouse, con expertos de alto nivel, os próximos pasos que a Comisión deberá abordar para implementar e promocionar a compra pública innovadora a nivel europeo.

O proxecto PROCURE4HEALTH

O proxecto PROCURE4HEALTH conta cun orzamento de 5 millóns de euros e busca crear unha rede europea de compradores públicos de solucións innovadoras en saúde. O proxecto confórmano 33 socios de 15 países, incluíndo 14 compradores públicos da Unión Europea. 

A participación en PROCURE4HEALTH integra ao Servizo Galego de Saúde e á Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) na maior rede europea de compra pública innovadora de ámbito sanitario, axudando ás partes para definir necesidades comúns, trazar estratexias para os retos sanitarios do futuro, compartir boas prácticas de compra pública innovadora e contribuír a transformalas en políticas públicas.

A nivel europeo, actualmente están en marcha seis proxectos europeos xunto con  PROCURE4HEALTH cun orzamento que superan os 25 millóns de euros. Entre estes proxectos destacan CIRCE, para a transferencia e implantación de boas prácticas en atención primaria (12,2 M€); INVEST4HEALTH que procura novos modelos de financiamento para os sistemas sanitarios (5,5 M€); TRANSFIRESAÚDE, cuxo obxectivo é o impulso da integración do ecosistema de I+D+i eurorexional en saúde (2,5 M€); INNOV4LIFE, para a creación dun ecosistema transfronteirizos no eido dos living labs (1,5 M€); e HERCULES, centrado na medicina personalizada e no fomento do envellecemento activo e saudable da poboación (1,6 M€).

Referentes europeos en compra pública innovadora

Os primeiros recoñecementos para Galicia chegaron da man dos proxectos InnovaSaúde e Hospital2050, distinguidos co segundo Premio Europeo de Compra Pública Innovadora (Procurement of Innovation Award 2015) da Comisión Europea e co Premio Nacional de Innovación 2013, na modalidade de Compra Pública Innovadora.

No 2021, o Servizo Galego de Saúde foi gañador dos I Premios Europeos á Contratación Pública de Innovación do Consello Europeo de Innovación (EIC) nunha candidatura na que se recolle a aposta pola compra pública innovadora con programas desde Hospital2050 e InnovaSaúde, ata Código100, centrado no avellentamento da poboación; Innova MicroLab, para encarar a resistencia antimicrobiana; ou INNOVATRIAL, un sistema innovador para a xestión integral dos ensaios e estudos de investigación biomédica, actualmente en execución.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde