GÓMEZ CAAMAÑO SITÚA GALICIA Á VANGARDA DOS ENSAIOS CLÍNICOS CON PROXECTOS COMO O ESTUDO GALFLU, QUE ACREDITA A EFICACIA DA VACINA DA GRIPE DE ALTA CARGA EN MAIORES
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
21 05 2024


“En Galicia temos exemplos de iniciativas innovadoras no ámbito dos ensaios clínicos que nos sitúan á vangarda nesta materia e que nos fan sentirnos orgullosos e nos animan a continuar por este camiño”. Así o manifestou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, no acto de inauguración da Xornada: Ensaios clínicos. Transformando os retos en oportunidades, que organiza a Academia Europea de Pacientes para a innovación terapéutica (EUPATI), con motivo da conmemoración do Día Internacional dos Ensaios Clínicos. 

Na inauguración deste encontro, celebrado no Hospital Lucus Augusti, o conselleiro estivo acompañado polo xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, e polo presidente de EUPATI, David Trigos.

O conselleiro dixo estar encantado de asistir a este acto, por estar centrado na investigación, posto que sinalou que el foi, é e será investigador toda a vida. Ademais, de terlle especial cariño a este hospital. Dende a humildade, o esforzo e o traballo transversal, Gómez Caamaño remarcou que se pode facer investigación de altísimo nivel, como é o caso deste centro sanitario. 

Neste foro, que ten como obxectivo poñer o foco sobre a importancia da investigación e os ensaios clínicos no progreso da asistencia sanitaria á sociedade, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego destacou o estudo GalFlu, pioneiro no conxunto do Estado, e que desenvolve a Consellería de Sanidade co Grupo de Xenética, Vacinas e enfermidades infecciosas do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, para avaliar a eficacia da vacina da gripe de alta carga en persoas maiores.

Logo de demostrarse a eficacia da vacina antigripal de alta carga en maiores de 80 anos en reducir os casos de gripe, hospitalizacións e complicacións asociadas, o obxectivo agora, -dixo o conselleiro-, é o grupo de idade entre os 65 e 79 anos.

De comprobarse que a vacina de alta dose é máis efectiva que a de dose estándar, Gómez Caamaño sinalou que a cidadanía galega desta franxa de idade será a primeira en poder beneficiarse desta vacina de alta carga.

“Tanto en España como en Galicia podemos presumir da calidade da nosa sanidade pública grazas, en gran medida, porque o noso sistema ten un dos seus piares fundamentais na investigación que busca de xeito permanente resultados en saúde”. Así pois, -remarcou o conselleiro-, “impulsar ensaios clínicos permite incorporar novos medicamentos con plenas garantías, coñecendo a súa eficacia, valorando novas indicacións e avaliando a súa seguridade a longo prazo”.

Alta participación galega

Na súa intervención no acto de inauguración, o conselleiro remarcou que Galicia participa, aproximadamente, no 23% dos preto de 1.000 ensaios clínicos con medicamentos que se autorizan anualmente en España. Ademais, o sistema público de saúde galego está presente noutras actividades de investigación, como son os estudos observacionais con medicamentos, os de mostras biolóxicas ou os epidemiolóxicos con datos de saúde.

O conselleiro amosouse convencido de que é imprescindible potenciar a investigación biomédica “para ofrecer sempre o mellor coidado posible á saúde da cidadanía”.

Por último, e para pechar o acto, Gómez Caamaño concluíu que os procesos optimizados, o deseño de estudos máis intelixente, así como a participación racional dos pacientes ou a integración da intelixencia artificial “nos dirixen cara un panorama máis eficiente, equitativo e centrado no paciente”.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde