A XUNTA LICITA POR 1,4 MILLÓNS DE EUROS A NOVA RESONANCIA MAGNÉTICA DO HOSPITAL MÉDICO CIRÚRXICO DE CONXO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
22 05 2024

O Servizo Galego de Saúde publica hoxe no portal de contratación da Xunta​ a licitación, por importe de 1.476.200 euros, para o subministro dunha resonancia magnética 1,5T con destino ao Hospital Médico Cirúrxico de Conxo, na área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza. 

A nova resonancia sitúase dentro da banda tecnolóxica avanzada, ao contar cunha intensidade de campo de 1,5 teslas e ao estar dotada con ferramentas avanzadas que permitirán realizar uns estudos e imaxes con maior rapidez e resolución. 

O equipo, malia que se empregará para todo tipo de exploracións rutineiras dos pacientes da área sanitaria de Santiago e Barbanza, centrarase no diagnóstico e seguimento dos pacientes oncolóxicos, así como nas exploracións vinculadas ao músculo esquelético. 

A compra deste equipamento precisará da execución dunha serie de obras para acondicionar o espazo no que se instalará, nas que a Xunta investirá 383.270 euros. No seu conxunto, a actuación de mellora suporá un investimento 1.859.470 euros.

A Xunta segue a avanzar no plan de renovación e modernización do equipamento nos centros sanitarios co obxectivo de optimizar a calidade asistencial que o Servizo Galego de Saúde lle ofrece á poboación galega. A previsión é que o novo equipamento estea instalado no hospital antes de que remate o ano. 

Estímase que o número de estudos anuais que se poderán facer con esta nova resonancia magnética superará a cifra das 5.000 ao ano, posibilitando incrementar as probas anuais nun 20%, en comparación co equipamento que posúe actualmente o Hospital de Conxo.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud