MÁIS DE 1.400 ESTUDANTES PARTICIPAN NO PROGRAMA YAM CO QUE A XUNTA PROMOVE A SAÚDE MENTAL NA ADOLESCENCIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
22 05 2024
 

A Xunta ten en marcha o programa YAM para a promoción da saúde mental na adolescencia no que participan desde este curso 1.416 estudantes de 78 centros educativos de toda Galicia.

Este proxecto das Consellerías de Sanidade e de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional foi presentado hoxe en Lugo no marco das II Xornadas de prevención e sensibilización do suicidio e novas adiccións na xuventude, organizadas pola Fundación ALAR e nas que participaron o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva.

O programa YAM (siglas en inglés de Xuventude consciente da saúde mental) desenvólvese nas aulas para que adolescentes de 13 a 17 anos reflexionen sobre as súas propias emocións. A iniciativa fai fincapé no apoio entre iguais a compañeiros ou compañeiras que se estean a sentir mal. 

Na súa intervención, o delegado territorial da Xunta salientou a importancia de “manter unha intensa e fluída colaboración con colectivos sociais e sempre cun enfoque transversal, involucrando a diferentes departamentos das Consellerías implicadas”.

Pola súa banda, o director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde avanzou que, no marco do Plan de Prevención do Acoso Escolar, as Consellerías de Sanidade e de Educación formaron a profesionais ao longo dos dous últimos anos que impartirán obradoiros para familias de Educación Infantil e Secundaria a través da Escola Galega de Nais e Pais.

A Xunta desenvolveu o Plan de Saúde Mental Poscovid-19 2020-2024 cun investimento de 83 millóns de eureuro, un plan que incluíu a dotación de persoal para os novos hospitais de día de saúde mental infanto-xuvenil (un en cada área sanitaria) ou a implantación da vía rápida de atención ao suicidio na mocidade, cunha demora de menos de 7 días. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde