MÁIS DE 130 PROFESIONAIS DO SERVIZO GALEGO DE SAÚDE COMPARTEN O SEU COÑECEMENTO EN COIDADO DA PEL A TRAVÉS DO PROXECTO ÚNICO “ÚLCERAS FÓRA”
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
23 05 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe que máis de 130 profesionais do sistema sanitario público galego, principalmente profesionais da enfermería, comparten o seu coñecemento en coidado da pel a través do portal web “Úlceras Fóra”. 

Tal e como detallou o titular de Sanidade, o fin concreto deste programa é establecer un marco de referencia para a abordaxe de todo o relacionado coas úlceras, na busca de conseguir unha maior calidade de vida dos pacientes con feridas ou con risco de padecelas e dos seus coidadores. 

O titular da carteira sanitaria interveu hoxe na inauguración do XVII Congreso Nacional de Enfermería Dermatolóxica, Dermatocosmética e feridas e 1º Simposio Iberoamericano de coidados da pel, que organiza a Asociación Nacional de Enfermería Dermatolóxica e Investigación do Deterioro da Integridade Cutánea (ANEDIDIC), acto no que tamén participou a presidenta desta asociación, María Isabel Pastor Orduña. 

Para Gómez Caamaño o programa “Úlceras Fóra” é unha iniciativa “única” promovida por profesionais especializados da Consellería de Sanidade que achega valiosos contidos baseados na evidencia e que conta con preto de dous millóns de visitas. Puxo como exemplo do interese que esperta esta iniciativa o feito de que os seguidores desde México superan o número de visitas das realizadas desde España.

Na súa intervención o conselleiro reivindicou o labor do persoal de enfermería como principal responsable do coidado da saúde dos pacientes e, tamén, da tan necesaria educación sanitaria. 

Gómez Caamaño subliñou que o sistema público de saúde galego ten moito que achegar no ámbito da enfermería dermatolóxica, como así o demostra a presenza de numerosos profesionais dos hospitais galegos que van intervir no programa de relatorios deste congreso.

O conselleiro rematou a súa intervención remarcando a aposta do Servizo Galego de Saúde por seguir innovando, dando formación e compartindo coñecementos destinados ao coidado da patoloxías da pel, co obxectivo de acadar unha maior calidade de vida dos pacientes e dos seus coidadores.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde