PROFESIONAIS DA ÁREA SANITARIA DE FERROL ORGANIZAN A REUNIÓN ANUAL DA SOCIEDADE GALEGA DE ALERXIA E INMUNOLOXÍA CLÍNICA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
23 05 2024
 

​Profesionais do Servizo de Alergoloxía da Área Sanitaria de Ferrol organizan a reunión anual da Sociedade Galega de Alerxia e Inmunoloxía Clínica, que se celebra en Ferrol, os días 24 e 25 de maio, na sede de Afundación, na Praza da Constitución en Ferrol. Este encontro, co lema Sobrevoando o diagnóstico preciso, conta con participación de relatores de Alicante, Córdoba ou Barcelona, entre outros; e os himenópteros (avellas e avespas fundamentalmente) son os grandes protagonistas.

Segundo indican dende o Comité Organizador, sinalar que “é unha xuntanza de profesionais expertos no diagnóstico diferencial e tratamento específico de reaccións graves trala picadura de himenópteros, e, en concreto, de véspidos, véspula e vespa velutina, cada vez máis numerosa nesta Área nunha contorna eminentemente rural que favorece o contacto con estes insectos, e, por tanto, o risco de sufrir unha picadura”. Neste senso, a precisión diagnóstica é esencial para prescribir o tratamento máis axeitado para cada paciente segundo a picadura. Lembran igualmente os especialistas en Alergoloxía da organización, que “as reaccións a picaduras de himenópteros poden producir reaccións graves e potencialmente mortais; e que o tratamento con inmunoterapia específica é o único que pode evitar que esta situacións poidan volver darse tras unha nova picadura”.

Programa científico para afinar o diagnóstico

Neste encontro galego en Ferrol, abórdanse catro intervencións con debate posterior: A nova cociña galega e alerxia hospitalaria, a cargo de José Luis García Abujeta, especialista en Alergoloxía no Hospital Marina Baixa de Alicante. O manexo clínico da alerxia a himenópteros: ó pan, pan; e ó viño, viño, que realiza Carmen Moreno Aguilar, investigadora asociada ó Instituto Maimonides de Investigación Biomédica de Córdoba.

O terceiro dos grandes temas é a utilidade do CAP inhibición nos casos de múltiples sensibilizacións a véspidos. Determinación da sensibilización xenuína e elección da inmunoterapia, do que se ocupará Moisés Labrador Horrillo, facultativo especialista de Alerxias do Hospital Universitario de Vall d’Hebrón en Barcelona. 

Por último, a cuarta e última das intervencións ten dobre participación contando co punto de vista veterinario e clínico no que se refire ás avespas. Un veterinario entre abellas, avespóns e alergólogas, Que fai?, por Xesús Feás Sánchez, que é integrante da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia; e a Anafilaxia por Vespa velutina nigrithorax: estudo molecular e a súa aplicación clínica, a cargo da especialista en Alergoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, Virginia Rodríguez Vázquez.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde