A MEDICINA PERSONALIZADA, UNHA NOVA REALIDADE PARA OS PACIENTES A TRATAMENTO CON FÁRMACOS ANTIPSICÓTICOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
22 05 2024

 

 

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2024.- Máis de 600 doentes a tratamento con fármacos antipsicóticos inxectables de longa duración da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza benefícianse xa dunha adaptación individualizada da súa medicación, co que se consigue incrementar a efectividade e reducir os efectos secundarios.

Así, a medicina personalizada na optimización terapéutica será un dos asuntos a abordar no exclusivo Curso de investigación Biomédica en Farmacia Hospitalaria que celebra a súa terceira edición, no Hospital Clínico de Santiago, desde hoxe ata o venres 24 de maio.

Organizado polo Servizo de Farmacia da sanidade pública compostelá para promover e fomentar a investigación como piar fundamental no resto de Servizos de Farmacia estatais, contou, no seu acto de benvida, co asistencia do xerente da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio, a directora do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, Luz Couce, a xefa do Servizo de Farmacia, Irene Zarra e o coordinador da Unidade de Investigación e Innovación do Servizo de Farmacia local, Anxo Ferreiro.

O Servizo de Farmacia do Hospital Clínico Universitario de Santiago, xunto coas súas responsabilidades asistenciais e docentes, adquiriu o compromiso de situar á investigación clínica e traslacional como un dos seus piares fundamentais. Así, esta unidade de investigación xa amosou bos resultados asistenciais no campo da individualización terapéutica e medicina personalizada coa súa aposta pola investigación clínica e traslacional. A unidade apostou por incrementar a masa crítica de clínicos-investigadores no seu persoal, favorecendo así un achegamento entre a investigación biomédica e a práctica clínica no sistema nacional de saúde.

Medicina personalizada na terapia antipsicótica

A aplicación da medicina personalizada na terapia antipsicótica supón un punto de inflexión no manexo terapéutico dos pacientes e foi posible na área compostelá grazas ao Plan Galego de Saúde Mental do polo Servizo Galego de Saúde. Os antipsicóticos constitúen a base do tratamento farmacolóxico da esquizofrenia e doutras patoloxías graves que afectan á saúde mental e a aparición destes tratamentos en forma inxectable de longa duración, supuxeron un importante avance que permitiu asegurar a toma dos tratamentos farmacolóxicos en pacientes con enfermidade mental grave, conseguindo diminuír os ingresos hospitalarios. “Con todo, a presenza de efectos secundarios segue sendo unha das causas principais de abandono dos tratamentos farmacolóxicos en pacientes cun diagnostico de esquizofrenia” subliña María Vidal, facultativa do servizo de Psiquiatría da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza.

Ademais, segundo destaca María José Durán, tamén psiquiatra da área compostelá, “os pacientes que padecen trastornos psicóticos requiren tratamentos, en gran parte dos casos, para toda a súa vida; de aí a importancia de individualizar as doses e mellorar a calidade de vida e a satisfacción cos tratamentos”.

Achegar a medicina personalizada á práctica clínica habitual

Co fin de converter a medicina personalizada nunha realidade dentro da práctica clínica habitual dos psiquiatras, a Unidade de Investigación e Innovación, coordinada por Anxo Fernández Ferreiro, desenvolveu o primeiro modelo farmacocinético poboacional dun dos antipsicóticos inxectables máis pautados.

Este modelo permite predicir as concentracións de fármaco que terá cada paciente e realizar recomendacións de doses precisas e individualizadas tendo en conta as súas características individuais (como o peso ou o sexo, entre outros), as súas características xenéticas e outros medicamentos que estean a tomar ao mesmo tempo.

“Adaptar a dose de fármaco ás características individuais de cada paciente é fundamental para maximizar a efectividade dos tratamentos e diminuír o risco de efectos secundarios” declara Cristina Mondelo, investigadora principal do proxecto. O desenvolvemento deste traballo foi posible grazas á colaboración da Sociedade Española de Farmacia Hospitalaria, concretamente dos Grupos de Traballo de Farmacia Neuropsiquiátrica e PKGen, os cales contribuíron a financiar as investigacións levadas a cabo.

Este importante avance foi recentemente publicado nunha das mellores revistas da área de psiquiatría a nivel mundial, a Psychiatry Research, no pasado mes de marzo https://pubmed.ncbi.nlm.nih.gov/38245977/. “A súa principal achega baséase en predicir cal é a dose de antipsicótico adecuada para cada paciente concreto, optimizando a terapia de maneira completamente individualizada” indica Kiko Toja, investigador do proxecto.

Co fin de posibilitar a implementación deste fito dun xeito sinxelo e rutineiro na atención que os pacientes reciben no día a día, este  grupo de investigación desenvolveu un novo software de farmacocinética: o PKPDrugs, que incorpora os avances que se produciron nesta área nas últimas décadas, dun xeito moi visual, con interfaces modernas e con versatilidade, que permitirá a adaptación aos novos fármacos que se sigan incorporando.

Os pacientes son os principais beneficiados deste desenvolvemento da medicina personalizada, que  a través da farmacocinética permite adaptar a dose dun fármaco á situación clínica e ás características concretas de cada individuo. “O software PKPDrugs, grazas á súa facilidade de uso e versatilidade, permite a implementación de diferentes modelos farmacocinéticos co fin de maximizar a efectividade e seguridade, e obter o mellor balance beneficio-risco para cada paciente” sinala Enrique Bandín, farmacéutico investigador do IDIS que participa neste desenvolvemento.

Enxeñeiros informáticos do grupo VARPA da Universidade da Coruña, colaboraron no desenvolvemento deste novo software que busca cubrir as necesidades existentes e permitirá dotar aos especialistas en Farmacia Hospitalaria dunha ferramenta versátil e fiable, á altura das necesidades dunha Unidade de Farmacocinética Clínica actual. “Estes avances demostran a importancia de seguir promovendo a investigación sanitaria traslacional, é dicir, buscando solucións ás necesidades reais de pacientes e profesionais sanitarios. Con iso, demóstrase unha repercusión directa na mellora da saúde e benestar dos pacientes, ademais de avanzar na eficiencia do sistema sanitario” declara Irene Zarra, xefa de Servizo de Farmacia do Hospital Clínico de Santiago.

 

 

Saúdos,​ 

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud