A iniciativa solidaria da asociación Música en Vena chega por
primeira vez ás unidades hospitalarias Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
A voz e os acordes da guitarra do cantante de orixe brasileira Gustavo Almeida,
pero que leva moitos anos afincado na cidade do Lérez, encheron as estancias do
Hospital de Día Oncolóxico e Hospital de Día Médico do Hospital Provincial
pontevedrés en sendos micro concertos celebrados durante esta mañá.
Música en Vena é unha asociación sen ánimo de
lucro dedicada a humanizar as contornas sanitarias a través da música en
directo, mellorando as estancias hospitalarias de pacientes, familiares e
persoal sanitario. Así mesmo, fomentan o uso da música con fins terapéuticos a
través da educación, a investigación, o emprego e o voluntariado.
Beneficio a máis dun millón de doentes nunha década
Esta
entidade comezou esta actividade hai máis dunha década en varios hospitais da
Comunidade de Madrid, a través dun convenio do Servizo Madrileño de Saúde,
despois do cal, iniciou a súa expansión en Cataluña tras asinar outro convenio
co Institut Català de la Salut. Nese tempo, celebráronse máis de 10.000 micro
concertos en planta, hospitais de día e auditorios de hospitais, coa
participación de máis de 20.000 músicos voluntarios de distintos xéneros, co
que beneficiaron a máis dun millón de doentes.
Xunto
a Gustavo Almeida estivo a presidenta e fundadora de Música en Vena, Virginia
Castelló, quen salientou que na súa labor humanizadora teñen colaborado
artistas ben coñecidos como Rosario Flores, Carlos Núñez, Los Secretos, José
Mercé ou a Orquesta Sinfónica de Madrid, que é a titular do Teatro Real.
Xira de concertos nos hospitais galegos
No
pasado mes de marzo, Música en Vena arrancou a súa andaina en Galicia da
man do patrocinio da Fundación Luckia, para ofrecer 10 concertos ata finais de
2024 en diferentes plantas e centros hospitalarios da comunidade galega. O
primeiro deses concertos tivo lugar o 25 de marzo no Centro Oncolóxico de
Galicia en A Coruña, seguido dunha segunda actuación na UCI e nas Unidades de
Hemodiálisis do Hospital Lucus Augusti de Lugo.
Por
outra banda, Música en Vena desenvolve outras moita actividades relacionadas
coa música e o seu beneficio curativo nas persoas. Entre elas, sinalar a
“curación de pianos”, na que a entidade restaura pianos e lles unha segunda
vida nun hospital; ou proxectos como o Proxecto Canta e Lembra, destinado
a persoas maiores e enfermos de alzhéimer e demencia senil, para estimulalos
cognitivamente, aliviar o seu malestar ou depresión, e mellorar a súa calidade
de vida.