A INICIATIVA 'MÚSICA EN VENA' CHEGA AOS HOSPITAIS DE DÍA DO PROVINCIAL DE PONTEVEDRA PARA AMENIZAR E MELLORAR AS ESTADÍAS DOS PACIENTES
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
23 05 2024

 A iniciativa solidaria da asociación Música en Vena chega por primeira vez ás unidades hospitalarias Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés. A voz e os acordes da guitarra do cantante de orixe brasileira Gustavo Almeida, pero que leva moitos anos afincado na cidade do Lérez, encheron as estancias do Hospital de Día Oncolóxico e Hospital de Día Médico do Hospital Provincial pontevedrés en sendos micro concertos celebrados durante esta mañá.

 

Música en Vena é unha asociación sen ánimo de lucro dedicada a humanizar as contornas sanitarias a través da música en directo, mellorando as estancias hospitalarias de pacientes, familiares e persoal sanitario. Así mesmo, fomentan o uso da música con fins terapéuticos a través da educación, a investigación, o emprego e o voluntariado.

 

Beneficio a máis dun millón de doentes nunha década

Esta entidade comezou esta actividade hai máis dunha década en varios hospitais da Comunidade de Madrid, a través dun convenio do Servizo Madrileño de Saúde, despois do cal, iniciou a súa expansión en Cataluña tras asinar outro convenio co Institut Català de la Salut. Nese tempo, celebráronse máis de 10.000 micro concertos en planta, hospitais de día e auditorios de hospitais, coa participación de máis de 20.000 músicos voluntarios de distintos xéneros, co que beneficiaron a máis dun millón de doentes.


Xunto a Gustavo Almeida estivo a presidenta e fundadora de Música en Vena, Virginia Castelló, quen salientou que na súa labor humanizadora teñen colaborado artistas ben coñecidos como Rosario Flores, Carlos Núñez, Los Secretos, José Mercé ou a Orquesta Sinfónica de Madrid, que é a titular do Teatro Real.

 

Xira de concertos nos hospitais galegos

No pasado mes de marzo, Música en Vena arrancou a súa andaina en Galicia da man do patrocinio da Fundación Luckia, para ofrecer 10 concertos ata finais de 2024 en diferentes plantas e centros hospitalarios da comunidade galega. O primeiro deses concertos tivo lugar o 25 de marzo no Centro Oncolóxico de Galicia en A Coruña, seguido dunha segunda actuación na UCI e nas Unidades de Hemodiálisis do Hospital Lucus Augusti de Lugo.

 

Por outra banda, Música en Vena desenvolve outras moita actividades relacionadas coa música e o seu beneficio curativo nas persoas. Entre elas, sinalar a “curación de pianos”, na que a entidade restaura pianos e lles unha segunda vida nun hospital; ou proxectos como o Proxecto Canta e Lembra, destinado a persoas maiores e enfermos de alzhéimer e demencia senil, para estimulalos cognitivamente, aliviar o seu malestar ou depresión, e mellorar a súa calidade de vida.

 

 



EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde