GÓMEZ CAAMAÑO SALIENTA QUE GALICIA AVANZA XA NO COMPROMISO DE ELEVAR ATA OS 45 ANOS A IDADE MÁXIMA PARA ACCEDER Á REPRODUCIÓN ASISTIDA NO SERVIZO GALEGO DE SAÚDE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
23 05 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, salientou hoxe que Galicia está a avanzar no compromiso do Goberno galego de elevar ata os 45 anos a idade na que as mulleres poidan someterse a tratamentos de reprodución asistida no Servizo Galego de Saúde.

O titular da carteira sanitaria interveu, no Palacio de Congresos da Coruña, na inauguración do 34º Congreso Nacional da Sociedade Española de Fertilidade, acto no que estivo acompañado polo presidente da Sociedade Española de Fertilidade, Juan José Espinós Gómez, que é a entidade organizadora deste encontro.

O conselleiro incidiu en que a Xunta eliminará o límite do único fillo para acceder a estas terapias e posibilitará que mulleres de entre 30 e 35 anos sen problemas de fertilidade e aquelas que padezan endometriose poidan conxelar os seus óvulos na sanidade pública galega. Neste sentido, sinalou que “axudar ás mulleres e ás familias a cumprir o seu desexo de ter fillos é unha das obrigas dun sistema público de saúde que aspira a situar ás persoas no centro do mesmo”.

Na súa intervención, o máximo responsable do Servizo Galego de Saúde puxo en valor o traballo dos profesionais que levan a cabo esta prestación sanitaria, incidindo en que “o avance en investigación, tecnoloxía e asistencia nos últimos anos é realmente notable, e ten unha tradución en termos de benestar social que só cabe gabar”.

Gómez Caamaño remarcou que preto do 15% das parellas necesitan da reprodución asistida para ter un fillo e, diante diso, “os profesionais da saúde e autoridades sanitarias temos a obriga de actuar”. 

Ao respecto, a Xunta está a reforzar con novos equipos as tres unidades de reprodución humana asistida, na Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, que son referencia para o resto de centros hospitalarios “e que pronto o serán tamén para o resto de España”.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde