AS INSTRUCIÓNS PREVIAS SON AS PROTAGONISTAS DA NOVA XORNADA DA PROMOCIÓN DA SAÚDE DAS PERSOAS MAIORES
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
24 05 2024

​As instrucións previas son as protagonistas da terceira das cinco xornadas do ciclo de aulas temáticas para a promoción da saúde das persoas maiores en colaboración coa Rede Galega de Promoción da Saúde (Regaps). Na sesión de hoxe, ás 12:00 horas, na Asociación de Veciños de San Pablo en Ferrol, falarase do propio documento de instrucións previas, o proceso para facelo, os lugares nos que se pode entregar, e o curso que segue o documento. Enma Caballero González, traballadora social no centro de saúde de Fene, e coordinadora de Traballo Social na Área Sanitaria de Ferrol, destaca a importancia de que a poboación coñeza este documento, e a ampliación dos lugares nos que poder formalizalo.

As instrucións previas son un documento -regulado por lei- mediante o que unha persoa maior de idade, capaz e libre, manifesta anticipadamente a súa vontade sobre os coidados e tratamentos que podería precisar no futuro, e o destino final do seu corpo, coa fin de que esta vontade sexa respectada cando xa non teña capacidade para manifestala. Neste documento, a persoa tamén pode designar un representante que será o que actúe como interlocutor co médico ou co equipo sanitario que presta a asistencia para procurar o cumprimento das instrucións previas. Este documento é dinámico e revogable e debe ser reflexionado, aspectos nos que incide hoxe esta profesional, facendo que a poboación se familiarice co documento e os aspectos relevantes en torno a el. 

Coñecer as cuestións clave dunha instrución previa

Estas instrucións previas son igualmente unha guía para os profesionais na toma de decisións. Enma Caballero explicou os contidos mínimos necesarios e claves do documento, como os valores persoais, as instrucións sobre coidados e tratamentos, o destino final do corpo, as preferencias sanitarias e a posible designación dun representante ou interlocutor para que vele polo cumprimento do mesmo. Calquera persoa maior de idade, capaz e que actúe libremente, pode realizar un documento de Instrucións Previas; e, para isto, existen uns formularios elaborados por un equipo multidisciplinar do Servizo Galego de Saúde e da Consellería de Sanidade, que están tanto no enderezo web da Área Sanitaria como no do Servizo Galego de Saúde. 

O documento pódese formalizar por varias vías: ante tres testemuñas maiores de idade, dúas delas sen vínculo de parentesco, de matrimonio ou de carácter patrimonial; ante os profesionais dos rexistros; ou tamén pode facerse ante notario. Estes dous últimos sen necesidade de testemuñas. Unha vez redactado, é moi conveniente rexistralo ademais de dalo a coñecer ó representante e á familia, e facelo incluír na Historia Clínica. A finalidade deste Rexistro é facilitar o coñecemento da existencia do documento de instrucións previas aos profesionais que prestan a asistencia sanitaria, así como a consulta do seu contido chegada a situación en que sexa necesario telo en conta. Existen rexistros autonómicos e un rexistro nacional que ten como finalidade a eficacia dos documentos de instrucións previas en calquera punto do territorio nacional. 

En Galicia, existe o Rexistro Galego de Instrucións Previas, o REGAIP; e, na Área Sanitaria de Ferrol, pódense rexistrar os documentos na Unidade de Atención ao Paciente, e nos centros e saúde de Fene e Pontedeume. Dende este mesmo ano, tamén nos centros de saúde de Fontenla Maristany e de Serantes, en Ferrol; e no centro de saúde de Narón. En breve sumarase tamén o centro de saúde de Caranza. Nestes puntos pódese tamén obter información e axuda cos formularios. 

Ciclo de promoción da saúde

Todas estas sesións deste ciclo son os venres, ás 12:00, na Asociación de Veciños de San Pablo en Ferrol, e teñen como obxectivo dar ferramentas á poboación para un envellecemento saudable, e, continuando, como indican dende Regaps, na liña de formar e informar en saúde. Xa se abordaron a logopedia e a deglución e os tips para a avida diaria. A seguinte das sesións será o 31 de maio, os Primeiros Auxilios; e a quinta e última, o 7 de xuño, abranguerá cuestións sobre a Hixiene do Sono.

Están organizadas pola Asociación Cáritas e a Consellería de Política Social, en colaboración coa Asociación de Veciños de San Pablo e profesionais da Área Sanitaria de Ferrol a través da Rede Galega de Promoción da Saúde (Regaps).

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde