O CONSELLEIRO DE SANIDADE PIDE A IMPLICACIÓN DE TODOS OS PROFESIONAIS NO OBXECTIVO DE PROTEXER, PRESERVAR E OPTIMIZAR O SISTEMA SANITARIO PÚBLICO GALEGO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
24 05 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, pediu hoxe a colaboración de todos no obxectivo de protexer, preservar e optimizar o sistema sanitario público galego.  

O titular da carteira sanitaria incidiu en que “Galicia conta cun sistema sanitario de moi alto nivel, que en moitos aspectos é un modelo para outros servizos de saúde” pero considera que chegou o momento de introducir cambios na maneira de traballar. 

No seu propósito de progresar e avanzar para facer un sistema sanitario mellor, máis forte e máis resolutivo, e que se adapte aínda máis á realidade xeográfica e social de Galicia, Gómez Caamaño avogou polo diálogo como principal instrumento de traballo para avanzar na folla de ruta fixada.

No salón de actos do Hospital Universitario da Coruña, e acompañado da delegada territorial da Xunta, Belén do Campo; do xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada; do director xeral de Asistencia Sanitaria, Alfredo Silva; e do xerente da área, Luis Verde; o conselleiro reuniuse cos profesionais da área sanitaria da Coruña e Cee, aos que lles deu conta dos principios reitores que rexerán a acción da Consellería para os vindeiros anos.

O conselleiro considerou de especial importancia eliminar a burocracia no traballo do persoal médico, para que poida centrarse máis no paciente, e puxo en valor o papel que xogan os profesionais na educación sanitaria dirixida á poboación.

Gómez Caamaño avogou, ademais, por avanzar nun acordo a tres bandas entre a Administración, os profesionais sanitarios e a poboación, co obxectivo de definir o modelo sanitario do futuro.

Definiu o modelo a acadar como unha sanidade pública máis orientada aos resultados en saúde da poboación, que coide aos pacientes e aos profesionais.

Tamén puxo especial énfase na necesidade de prestixiar a figura de todos os profesionais do ámbito da saúde, comezando polos médicos de atención primaria, posto que son eles, dixo, “os máximos protectores da saúde da cidadanía”. 

Outros dos obxectivos sinalados hoxe polo conselleiro para esta lexislatura é responder con axilidade aos retos que ten a sanidade, como é a integración dunha maneira racional da innovación tecnolóxica, a farmacolóxica, a intelixencia artificial e a medicina de precisión.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde