GALICIA COMPARTE CON CATALUÑA O ÉXITO DAS SÚAS CAMPAÑAS DE VACINACIÓN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
25 05 2024

A Consellería de Sanidade recibiu esta semana a visita de responsables do departamento de saúde catalán, con quen compartiu a experiencia galega e o éxito das campañas de vacinación. 

No encontro, Galicia compartiu o seu modelo de coordinación de citas e a loxística das vacinas, a información que se facilita á poboación para animar á vacinación, a xestión do sistema informático para o rexistro da cidadanía que acude a vacinarse e o traballo específico das coordinadoras dos puntos de vacinación masiva en campañas como a da gripe e a covid. 

Unha das claves de que Galicia lidere as coberturas vacinais a nivel nacional son as campañas de difusión, con avisos en consulta ou por sms, e as facilidades para responder a ese chamamento en centros de saúde, a domicilio ou, nos casos necesarios, en grandes recintos.

Así, as coberturas de vacinación fronte á covid na última temporada situáronse en todos os tramos de idade en Galicia moi por riba da media nacional, chegando no grupo de persoas de 60-69 anos a ser de 23 puntos máis.

Na xornada de traballo participaron a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán; a subdirectora xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, Marta Piñeiro; a xefa de servizo de control de enfermidades transmisibles, Susana Mirás; directoras e subdirectoras de Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde como coordinadoras dos puntos de vacinación masiva; e membros da subdirección xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información. 

Por parte da delegación catalá, participarán no encontro Laia Pons, da área de Sistemas de Información do Servizo Catalán da Saúde; Montse Martínez, xefa de servizo de Medicina Preventiva da Secretaría de Saúde Pública; e Yolanda Portero, xerente de Innovación Relacional da área de Cidadanía, Innovación e Usuario do CatSalut.​

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud