​GALICIA PARTICIPA NA ASEMBLEA ANUAL DO PROXECTO INVEST4HEALTH PARA INCENTIVAR NOVOS MODELOS DE FINANCIAMENTO DESTINADOS Á PROMOCIÓN DA SAÚDE E Á PREVENCIÓN DE ENFERMIDADES
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
26 05 2024
 

Representantes da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), organismo dependente da Consellería de Sanidade, participaron estes días na asemblea anual do proxecto  Invest4Health (I4H), que ten por obxectivo incentivar novos modelos de financiamento destinados á promoción da saúde e á prevención de enfermidades.

Esta iniciativa enmárcase dentro das accións de investigación e innovación de Horizonte Europa e ten por finalidade garantir o acceso a unha asistencia sanitaria innovadora, sostible e de calidade, promovendo novos modelos de financiamento para os sistemas sanitarios.

O propósito deste encontro, que tivo lugar en Bergen (Noruega) os días 21, 22 e 23 deste mes, foi poñer en común os resultados obtidos por cada un dos grupos de traballo ao longo do último ano e así poder adaptalos para levalos á práctica en cada un dos pilotos. 

No caso de Galicia, o proxecto piloto está centrado na mellora da calidade de vida dos pacientes con fibrose quística, no seu seguimento e control a través da ferramenta de teleasistencia TELEA do Servizo Galego de Saúde.

Na primeira xornada da asemblea tivo lugar unha sesión de traballo, previa á reunión de todos os socios, liderada polo Research Institutes of Sweden (RISE) na que participaron as catro rexións piloto, Escania, Gales, Renania do Norte-Westfalia e Galicia, co obxectivo de compartir problemáticas comúns e formas de abordaxe.

O día 22 abordouse o concepto e a adopción, por parte das rexións participantes, do modelo económico coñecido como Smart Capacitating Investment-SCI (Inversión Capacitadora Intelixente), cuxo obxectivo é proporcionar financiamento sustentable para a adopción de medidas sanitarias preventivas e as súas vantaxes no ámbito da saúde.

O encontro rematou coa visita ás instalacións da empresa norueguesa Eitri, especializada na industria sanitaria, onde se realizaron talleres sobre a creación de espazos de colaboración e o fomento da participación cidadá, entre outros. Así mesmo, compartiuse a información necesaria para afrontar os próximos pasos e fíxose unha recapitulación a modo de clausura do evento. 

Estas sesións permitiron aos 18 socios do consorcio compartir os seus avances e puntos de vista sobre a evolución do proxecto, intercambiar coñecemento e fortalecer as relacións entre os distintos grupos de traballo.

Proxectos de innovación sanitaria por máis de 25 millóns

A nivel europeo, a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde ten en marcha seis proxectos no eido da innovación sanitaria cun orzamento que supera os 25 millóns de euros. 

Eses proxectos son PROCURE4HEALTH para a creación dunha rede europea de compra pública de innovación en saúde (5 M€); CIRCE para a transferencia e implantación de boas prácticas en atención primaria (12,2 M€); INNOV4LIFE para a creación dun ecosistema transfronteirizo no eido dos living labs (1,5 M€); TRANSFIRESAÚDE cuxo obxectivo é o impulso da integración do ecosistema de I+D+i; eurorexional en saúde (2,5 M€); e HERCULES centrado na medicina personalizada e o fomento do envellecemento activo e saudable da poboación (1,6 M€).

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde