Santiago de
Compostela, 24 de maio de 2024.- Hoxe celébrase
O Día Nacional da Epilepsia e a área
sanitaria compostelá súmase á súa conmemoración. Esta mañá o Hospital Clínico
de Santiago acolleu unha mesa de UGADE (Unión Galega de Epilepsia) instalada no
patio central de entrada para informar desta patoloxía aos visitantes que
acoden ao centro e ás 13.30 tivo lugar unha charla informativa do responsable
da unidade de Epilepsia refractaria, Javier López e da neuróloga Xiana Ossorio,
que foi presentada polo xerente da área sanitaria, Angel Facio e o xefe do
servizo de neuroloxía, José María Prieto.
Na xornada
cos doentes e asociados abordáronse as últimos avances en fármacos
antiepilépticos ao tempo que se informou sobre a posta en marcha da consulta de
transición con neuropediatría, así como do inicio dunha nova técnica de
tratamento cirúrxico, a termocoagulación.
Esta nova
técnica, que o equipo compostelán introduciu o pasado ano en Galicia, supón
unha nova opción terapéutica para aqueles doentes resistentes aos fármacos e
cos que non se pode abordar a cirurxía convencional e da que xa se teñen
beneficiado 12 persoas.
O pasado ano
iniciouse tamén na unidade a consulta de transición con neuropediatría,
empregada xa en 10 nenos. Así, o neurólogo de adultos acode á consulta de
neuropediatría antes da derivación a adultos, deste xeito o neno e a súa
familia coñecen de primeira man ao neurólogo que lle vai seguir no futuro e se
minimiza o impacto do cambio de facultativo referente.
A unidade de epilepsia refractaria do CHUS foi designada en 2011 polo
Ministerio de Sanidade e Consumo como Centro
de Referencia do Sistema Nacional da Saúde (CSUR), para a atención dos
pacientes adultos con epilepsia refractaria de toda España, desde entón o
número de consultas realizadas foi de máis de 28.000, dos que 3.737 foron
primeiras consultas.
Durante este período atendéronse a 162 pacientes de fóra de Galicia,
sendo as CCAA de Castela e León, con 80 pacientes e Asturias con 58, as que
máis pacientes con Epilepsia Refractaria derivaron para a súa avaliación
precirúrxica e posterior tratamento, tamén viñeron pacientes das CCAA de
Canarias, Aragón, Extremadura, Andalucía e La Rioja. Nestes 13 anos de CSUR
foron operados 266 pacientes cunha media anual de 20 pacientes.
Grazas á colaboración multidisciplinar de neurólogos, neurocirurxiáns,
neurofisiólogos, neurorradiólogos, neuropediatras, neuropsicólogos e
profesionais do Servizo de Medicina Nuclear, que integran a Unidade de
Epilepsia Refractaria púidose mellorar o diagnóstico precirúrxico, ao
utilizarse novas técnicas como a estereoelectroencefalografía (rexistro EEG con
electrodos profundos), que permite coñecer con maior exactitude a localización
do foco epileptóxeno, ou técnicas de fusión entre a Resonancia Magnética
cerebral e o PET cerebral que permite localizar con máis precisión as zonas
responsables das crises epilépticas, que non se realizan noutros centros
galegos.
A actividade investigadora da unidade é moi importante, de feito ten colaborado
en preto de 30 ensaios clínicos con novos fármacos antiepilépticos e participa
en numerosos proxectos de investigación sobre epilepsia.
A Unidade de Epilepsia Refractaria tamén é centro de referencia para
rotación en epilepsia dos residentes de Neuroloxía do resto de España: León,
Valladolid, Xixón, Oviedo, Burgos, Barcelona, Navarra, Tenerife, adoitan ser as
súas cidades de orixe, ademais do resto de hospitais de Galicia. As liñas
preferentes de investigación da Unidade de Epilepsia Refractaria do CHUS son as
relacionadas cos fármacos en epilepsia farmacorresistente, as síndromes epilépticas
e a cirurxía da epilepsia.
De feito, en breve en breve iniciarase a inclusión de pacientes nun
ensaio clínico no que se aplicará a Estimulación Cerebral Directa (tDCS) de
forma non invasiva no tratamento da epilepsia, o que a fai segura e ben
tolerada polos pacientes.
A epilepsia é unha das enfermidades neurolóxicas máis frecuentes, afecta
ao 1% da poboación (3% en maiores de 80 anos). En Galicia, segundo datos do
grupo de Estudo da Epilepsia da Sociedade Galega de Neuroloxía, existirían uns
27.000 doentes epilépticos, 8.000 deles con epilepsia refractaria.
Malia os grandes avances no desenvolvemento dos fármacos antiepilépticos,
a epilepsia refractaria (aqueles doentes que non responden ao tratamento
farmacolóxico) continúa sendo un importante problema de saúde pública, ao
afectar ao 30% dos pacientes con epilepsia.
Saúdos,