​A ÁREA SANITARIA DE SANTIAGO E BARBANZA SÚMASE Á CONMEMORACIÓN, HOXE, DO DÍA NACIONAL DA EPILEPSIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
24 05 2024

 

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2024.- Hoxe celébrase O Día Nacional da Epilepsia e a área sanitaria compostelá súmase á súa conmemoración. Esta mañá o Hospital Clínico de Santiago acolleu unha mesa de UGADE (Unión Galega de Epilepsia) instalada no patio central de entrada para informar desta patoloxía aos visitantes que acoden ao centro e ás 13.30 tivo lugar unha charla informativa do responsable da unidade de Epilepsia refractaria, Javier López e da neuróloga Xiana Ossorio, que foi presentada polo xerente da área sanitaria, Angel Facio e o xefe do servizo de neuroloxía, José María Prieto.

 

Na xornada cos doentes e asociados abordáronse as últimos avances en fármacos antiepilépticos ao tempo que se informou sobre a posta en marcha da consulta de transición con neuropediatría, así como do inicio dunha nova técnica de tratamento cirúrxico, a termocoagulación.

 

Esta nova técnica, que o equipo compostelán introduciu o pasado ano en Galicia, supón unha nova opción terapéutica para aqueles doentes resistentes aos fármacos e cos que non se pode abordar a cirurxía convencional e da que xa se teñen beneficiado 12 persoas.

 

O pasado ano iniciouse tamén na unidade a consulta de transición con neuropediatría, empregada xa en 10 nenos. Así, o neurólogo de adultos acode á consulta de neuropediatría antes da derivación a adultos, deste xeito o neno e a súa familia coñecen de primeira man ao neurólogo que lle vai seguir no futuro e se minimiza o impacto do cambio de facultativo referente.

 

A unidade de epilepsia refractaria do CHUS foi designada en 2011 polo Ministerio de Sanidade e Consumo como Centro de Referencia do Sistema Nacional da Saúde (CSUR), para a atención dos pacientes adultos con epilepsia refractaria de toda España, desde entón o número de consultas realizadas foi de máis de 28.000, dos que 3.737 foron primeiras consultas.

 

Durante este período atendéronse a 162 pacientes de fóra de Galicia, sendo as CCAA de Castela e León, con 80 pacientes e Asturias con 58, as que máis pacientes con Epilepsia Refractaria derivaron para a súa avaliación precirúrxica e posterior tratamento, tamén viñeron pacientes das CCAA de Canarias, Aragón, Extremadura, Andalucía e La Rioja. Nestes 13 anos de CSUR foron operados 266 pacientes cunha media anual de 20 pacientes.

 

Grazas á colaboración multidisciplinar de neurólogos, neurocirurxiáns, neurofisiólogos, neurorradiólogos, neuropediatras, neuropsicólogos e profesionais do Servizo de Medicina Nuclear, que integran a Unidade de Epilepsia Refractaria púidose mellorar o diagnóstico precirúrxico, ao utilizarse novas técnicas como a estereoelectroencefalografía (rexistro EEG con electrodos profundos), que permite coñecer con maior exactitude a localización do foco epileptóxeno, ou técnicas de fusión entre a Resonancia Magnética cerebral e o PET cerebral que permite localizar con máis precisión as zonas responsables das crises epilépticas, que non se realizan noutros centros galegos.


A actividade investigadora da unidade é moi importante, de feito ten colaborado en preto de 30 ensaios clínicos con novos fármacos antiepilépticos e participa en numerosos proxectos de investigación sobre epilepsia.

 

A Unidade de Epilepsia Refractaria tamén é centro de referencia para rotación en epilepsia dos residentes de Neuroloxía do resto de España: León, Valladolid, Xixón, Oviedo, Burgos, Barcelona, Navarra, Tenerife, adoitan ser as súas cidades de orixe, ademais do resto de hospitais de Galicia. As liñas preferentes de investigación da Unidade de Epilepsia Refractaria do CHUS son as relacionadas cos fármacos en epilepsia farmacorresistente, as síndromes epilépticas e a cirurxía da epilepsia.

 

De feito, en breve en breve iniciarase a inclusión de pacientes nun ensaio clínico no que se aplicará a Estimulación Cerebral Directa (tDCS) de forma non invasiva no tratamento da epilepsia, o que a fai segura e ben tolerada polos pacientes.

 

A epilepsia é unha das enfermidades neurolóxicas máis frecuentes, afecta ao 1% da poboación (3% en maiores de 80 anos). En Galicia, segundo datos do grupo de Estudo da Epilepsia da Sociedade Galega de Neuroloxía, existirían uns 27.000 doentes epilépticos, 8.000 deles con epilepsia refractaria.

 

Malia os grandes avances no desenvolvemento dos fármacos antiepilépticos, a epilepsia refractaria (aqueles doentes que non responden ao tratamento farmacolóxico) continúa sendo un importante problema de saúde pública, ao afectar ao 30% dos pacientes con epilepsia.

 

 

 

Saúdos,

 

 ​

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud