​26 ESPECIALISTAS REMATAN A SÚA FORMACIÓN NA ÁREA SANITARIA DE SANTIAGO DE COMPOSTELA E BARBANZA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
24 05 2024
 

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2024.- A Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza celebrou esta mañá o tradicional acto de despedida aos   especialistas que rematan o seu período de formación como residentes nos distintos centros da área, nun acto que se desenvolveu no salón de actos do Hospital Clínico.

A xornada, que tivo lugar ás 12.00 horas, estivo presidida polo xerente da área sanitaria compostelá, Ángel Facio Villanueva, acompañado pola directora de Enfermería, Victoria Carral García, o xefe de estudos e presidente da Comisión de Docencia, Rogelio Leira Muíño, o xefe de estudos da Unidade Docente de Medicina Familiar e Comunitaria, Sergio Cinza Sanjurjo e o Decano da Facultade de Medicina da USC, Julián Álvarez.

En total son 26 os/as  residentes que rematan a súa formación nos centros da área compostelá. Só os que comezaron a súa etapa MIR en maio do 2019, é dicir, aqueles cuxa especialidade require 5 anos de formación, ou a enfermería especialista en Familia,  Pediatría e Saúde Mental, que precisan dous.

O resto, rematarán en setembro, que foi o mes no que se incorporaron hai catro anos por mor da pandemia. Así, hoxe recolleron o diploma acreditativo 3 residentes de Cardioloxía, 2 de Cirurxía Ortopédica e Traumatolóxica, 1 Cirurxía Plástica, Estética e Reparadora, 2 de Cirurxía Xeral e Aparato Dixestivo, 1 Medicina Intensiva, 2 de Medicina Interna, 1 de Neurocirurxía, 1 de Oncoloxía Médica e 1 de Uroloxía. Amais, 12 EIR (8 de Enfermaría Familiar e Comunitaria, 2 de Pediatría e 2 de Saúde Mental).

Para eles/as houbo palabras de recoñecemento e agradecemento por parte dos representantes que asistiron ao acto. O xerente da área, Ángel Facio , felicitou e agradeceu o traballo a todos os residentes e titores. Na súa intervención subliñou que se trata dunha promoción que viviu “unha época complicada, cunha pandemia que seguro que deixou pegadas na vosa formación”. Lembroulles que os profesionais  sanitarios “temos que intentar curar (aínda que non sempre poidamos) pero o que si podemos facer sempre é coidar e acompañar”. Rematou a súa intervención lembrando que debemos “atender enfermos e enfermas no enfermidades”.

 Pola súa banda o doutor Leira afirmou que o “noso é un oficio moi bonito con sinsabores e críticas pero o global paga a pena. Espero que nunca deixe de ilusionarvos e que conservedes o noso cariño”. Sergio Cinza destacou que se trata “dun día de alegrías, no que quero facer fincapé no voso compromiso co paciente pero tamén coa formación e a investigación”. O decado da Facultade de Medicina da USC, Julián Álvarez, dixo “qué unha sorte que o sistema poida contar con todos vós e anímovos a traballar, tamén a divertirvos e contribuír a manter a esencia asistencial, e a investigación e docencia”.

As felicitacións tamén chegaron por parte de Victoria Carral, directora de enfermería:  “Os coñecementos reverten no coidado da saúde coa enfermería mellor formada”, como coa que contamos nestes intres.

A área sanitaria de Santiago e Barbanza ten centros de referencia tanto a nivel asistencial como docente e investigador. É unha área cunha antiga e estreita relación coa Universidade de Santiago de Compostela e unha gran tradición na formación de excelentes profesionais. Ten acreditación para todas as especialidades e forma, cada ano, 300 residentes de distintos anos en diferentes servizos.

Saúdos​

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud