A Consellería de Sanidade presentará desde este luns 27, e ata o venres 31 de maio, a plataforma Sanidade Mediaverso entre o alumnado universitario na Biblioteca Concepción Arenal de Santiago de Compostela.
A iniciativa da Dirección Xeral de Saúde Pública para promover hábitos de vida saudables será presentada por responsables da Rede Galega de Saúde Pública e por integrantes da rede nas áreas sanitarias de Santiago de Compostela e Barbanza, da Coruña e Cee e de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.
Cada día, en horario de 10.00 a 13.00 horas, facilitarán na primeira planta da biblioteca universitaria gafas de realidade virtual para probar a aplicación EnMovemento, coa que se poden practicar exercicios pensados para sesións de adestramento de 5 a 25 minutos, e que poden realizar tanto persoas maiores como a xuventude.
A través dunha pantalla e de códigos QR, tamén se ofrecerá información sobre o resto de opcións que ofrece esta plataforma en catro ámbitos: a mencionada actividade física, a alimentación saudable, o benestar emocional e a prevención de condutas aditivas.
Na web están dispoñibles a aplicación Camiña, que permite sumar quilómetros e calcular a equivalencia a etapas do Camiño de Santiago, un planificador semanal de comidas para deseñar menús equilibrados e a lista da compra necesaria, unha selección de vídeos da natureza que facilitan a relaxación, ou recursos para difundir entre as familias a importancia de reducir o uso das pantallas para recuperar o xogo ao aire libre.