A XUNTA COMEZA A ENVIAR OS SMS PARA REFORZAR A VACINACIÓN FRONTE AO PNEUMOCOCO DE 15.000 BEBÉS NADOS NO ANO 2022
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
27 05 2024
 

A Dirección Xeral de Saúde Pública comezou esta mañá a enviar SMS informativos ás familias para vacinar fronte á enfermidade pneumocócica ás nenas e nenos que, nados en 2022, xa cumpriran os dous anos de idade. 

Así, a Consellería de Sanidade inicia unha campaña de captación para reforzar a inmunización de 14.850 menores que, malia que xa foron inmunizados cunha vacina 13-valente, agora poden reforzar a súa protección cunha vacina que inclúe 20 serotipos. Deste xeito, a modificación no calendario de vacinación infantil fronte ao pneumococo e a incorporación de 7 serotipos adicionais achegará unha protección catro veces maior. 

Desde hoxe, os proxenitores dos nenos e nenas nados en 2022 e cos 2 anos cumpridos, poden pedir cita a través do seu centro de saúde ou da aplicación Sergas Móbil. Calquera familia que se atope neste caso e que non reciba a mensaxe, pode solicitar máis información no seu centro de saúde. 

Aqueles bebés que aínda non cumpriran esta idade, recibirán a sús vacina na visita habitual do programa do Neno san do seu centro de saúde, na revisión pediátrica dos dous anos.

Esta campaña da Dirección Xeral de Saúde Pública persegue un dobre obxectivo, por unha banda, incrementar a protección directa de nenas e nenos fronte á enfermidade e, dun xeito indirecto, tamén protexer a poboación non vacinada, dado que os bebés son altos transmisores. 

O seguimento epidemiolóxico desta enfermidade constatou que, no período 2019 a 2023, o maior número de casos de enfermidade pneumocócica invasora, na poboación pediátrica, rexistrouse en menores dun ano e, a continuación, dos de 1 e 2 anos de idade. En concreto, durante o pasado ano a incidencia no grupo de menores de 2 anos foi de 3,4 casos por 100.000 habitantes. 

A Consellería de Sanidade destina unha partida que supera os 11 millóns de euros ás vacinas que protexen fronte á meninxite. Ademais, o investimento completo da Xunta ao Programa Galego de Vacinación achégase aos 40 millóns de euros, e mantén a Galicia co calendario de inmunización universal e gratuíto máis completo do mundo.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde