A XUNTA PUBLICA OS DECRETOS QUE ESTABLECEN AS ESTRUTURAS ORGÁNICAS DA CONSELLERÍA DE SANIDADE E DO SERVIZO GALEGO DE SAÚDE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
27 05 2024
 

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición deste luns, os dous decretos polos que se establecen as estruturas orgánicas da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde​.

A Consellería de Sanidade, concretamente, disporá dunha estrutura directiva da que forman parte como órganos superiores a persoa titular da Consellería, a Secretaría Xeral Técnica, a Dirección Xeral de Saúde Pública e a Dirección Xeral de Planificación e Reforma Sanitaria. Polo que se refire á estrutura periférica, mantense a existente ata o momento, coas direccións territoriais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. 

Con respecto ao modelo organizativo, a Consellería de Sanidade disporá dunha organización administrativa que actúe con eficacia na xestión dos servizos que ten encomendados, conforme aos criterios de austeridade e eficiencia que ten establecidos a Xunta de Galicia.

Así, mantense o criterio de separar a planificación, a ordenación, o financiamento e a avaliación da xestión do sistema público de saúde de Galicia, que corresponde á Consellería de Sanidade, así como as competencias en materia de saúde pública. O Servizo Galego de Saúde, pola súa parte, encargarase da xestión de recursos e da realización das prestacións sanitarias.

O decreto de estrutura orgánica da Consellería componse dun total de 27 artigos, divididos en catro capítulos. O capítulo primeiro dedícase á determinación do ámbito competencial, o segundo establece e regula os seus órganos centrais, mentres que o terceiro establece os órganos colexiados. O capítulo cuarto regula a organización periférica da consellería.

O texto ten tres disposicións adicionais, en virtude das que se integra, de xeito activo, a dimensión da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, e a garantía de mantemento da antigüidade no posto de traballo de orixe no suposto de cambio de denominación ou adscrición por mor deste decreto.

Xunto ao anterior, establécense previsións de cara á dotación de efectivos do Centro Galego para o Control e Prevención das Enfermidades, que se crea neste decreto con nivel orgánico de subdirección xeral dependente da Dirección Xeral de Saúde Pública.

Tamén consta o decreto de seis disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria  e dúas disposicións derradeiras.

Tal e como se sinala no texto publicado no Diario Oficial de Galicia, quedan adscritos á Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde, a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos.

A Dirección Xeral de Planificación e Reforma Sanitaria pasará a contar con dúas subdireccións xerais: a de Planificación Sanitaria e Aseguramento; e a de Reforma Sanitaria.

Pola súa parte, a Dirección Xeral de Saúde Pública, para o cumprimento das súas competencias, contará coas seguintes subdireccións xerais: a de Xestión, Calidade e Innovación; a de Saúde Ambiental e Seguridade Alimentaria; a de Estilos de Vida Saudables; e o Servizo de Información de Saúde, ademais do xa sinalado Centro Galego para o Control e Prevención das Enfermidades, que será o órgano técnico especializado responsable do asesoramento e coordinación das estruturas e políticas de saúde pública.

Ademais, o decreto regula os órganos colexiados, entre os que están o Consello Galego de Saúde e o Consello Asesor do Sistema Público de Saúde de Galicia. 

Como novidade, créase o Servizo de Xestión Intelixente do Dato e a Intelixencia Artificial, dependente da Secretaría Xeral Técnica da Consellería, que será o encargado do desenvolvemento e impulso de plans, proxectos e actuacións para a incorporación das tecnoloxías de emprego masivo dos datos (bigdata), os datos abertos (opendata) e a intelixencia artificial. 

Este servizo tamén se ocupará de establecer as normas, metodoloxías e estándares de xestión que deben aplicar nos espazos de datos de saúde, tanto rexionais como a súa integración nos espazos de datos nacionais e europeos; do deseño, desenvolvemento, adquisición, mantemento dos sistemas de información e elementos tecnolóxicos de carácter corporativo ou transversal para a xestión intelixente e aberta do dato; da xestión do procedemento de adestramento dos sistemas de intelixencia artificial e dos datos necesarios para iso; e da xestión da oficina do dato e da oficina de intelixencia artificial. 

Estrutura do Servizo Galego de Saúde 

Polo que respecta ao decreto que establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, este consta dun total de 25 artigos, divididos en catro capítulos, dúas disposicións adicionais, cinco disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.

O Servizo Galego de Saúde configúrase como un organismo autónomo de natureza administrativa, dotado de personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins, adscrito á Consellería de Sanidade, que exercerá a súa dirección e control. 

A integración na Consellería obedece a unha reordenación funcional co obxectivo de mellorar a axilidade, a operatividade e a eficiencia do sistema. 

A estrutura orgánica confirma o firme compromiso do Servizo Galego de Saúde de implantar programas para promover a humanización da asistencia sanitaria mediante a personalización da atención do paciente ao longo do seu proceso asistencial, cunha concepción integral da saúde e dos determinantes que inciden nela, e poñendo a cidadanía e o paciente como centros do sistema. 

A proximidade, o liderado afectivo e a personalización da atención sanitaria serán valores que se potencian no novo modelo de prestación de servizos asistenciais. Polo tanto, os requirimentos, inquedanzas, demandas e expectativas dos pacientes son o motor principal do actual cambio, que queda reflectido na estrutura organizativa publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia.

A estrutura dos servizos centrais do Servizo Galego de Saúde articúlase arredor dunha xerencia, con categoría de dirección xeral, e tres direccións xerais: a de Asistencia Sanitaria, a de Recursos Humanos e a de Recursos Económicos. 

Establécense, así mesmo, os órganos colexiados e os órganos de coordinación, como é o caso do Consello Asesor de Pacientes.

A estrutura do Servizo Galego de Saúde tamén está conformada polos órganos periféricos de dirección: as xerencias das áreas sanitarias e a dirección dos distritos sanitarios. 

Subdirección Xeral de Atención á Saúde Mental 

Co obxectivo de potenciar os programas asistenciais que consigan unha atención integral e integrada dos recursos en materia de saúde mental, o departamento sanitario galego eleva ao rango de subdirección xeral a asistencia neste ámbito.

Así, a Subdirección Xeral de Atención á Saúde Mental, dependente do Servizo Galego de Saúde, será a encargada de establecer novas fórmulas organizativas e programas asistenciais que consigan unha atención integral e integrada dos recursos de saúde mental no Servizo Galego de Saúde. 

Tamén lle corresponderá o seguimento e supervisión das actividades das Comisións multidisciplinares de prevención do suicidio das áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde; o desenvolvemento, control e seguimento das actuacións sanitarias en relación coa saúde mental nos centros sanitarios, así como a rede de centros de drogodependencias; e a coordinación, a definición e a elaboración dos obxectivos asistenciais dos acordos de xestión da atención á saúde mental en coordinación cos órganos de dirección da Consellería, ademais do seu seguimento e avaliación periódica. 

Unidade de Procesos de Enfermería 

Este departamento será un servizo transversal e de soporte na elaboración, control e seguimento nos procesos asistenciais de coidados que depende orgánica e funcionalmente da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria e exercerá as súas funcións en coordinación co resto de subdireccións xerais da dita dirección xeral e órganos de dirección da Consellería de Sanidade.

A Unidade de Procesos de Enfermería ten como fin garantir a continuidade nos coidados de enfermería a través do traballo en equipos interdisciplinares en coordinación cos órganos de dirección da Consellería, formados por diferentes profesionais dos servizos sanitarios, fomentando a máxima participación do/da paciente e da súa contorna; o desenvolvemento, implantación e seguimento de programas de coidados e de intervencións proactivas para unha atención integral dos pacientes en situación de cronicidade ou fraxilidade multidimensional; proxectos de orientación comunitaria, incluíndo no modelo de atención a todos os axentes implicados; programas de atención domiciliaria no ámbito da atención primaria; e o impulso de actividades dirixidas á promoción da saúde e a prevención de enfermidade. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde