​A SANIDADE PÚBLICA GALEGA CONVÉRTESE NA PRIMEIRA DE ESPAÑA EN CERTIFICAR TODOS OS SEUS SERVIZOS TECNOLÓXICOS SEGUNDO O ESQUEMA NACIONAL DE SEGURIDADE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
27 05 2024

 

A sanidade pública de Galicia convértese na primeira de España en certificar todos os seus servizos tecnolóxicos, en todos os centros e unidades que a compoñen e dando cobertura a todos os seus usuarios, segundo o Esquema Nacional de Seguridade e no nivel de protección máis esixente. 

Así se desprende do informe da Consellería de Sanidade avaliado na reunión semanal do Consello da Xunta. A acreditación recóllense os servizos aos que dá cobertura a certificación, que son os datos da historia clínica dos pacientes e da actividade asistencial do Servizo Galego de Saúde; a xestión integral dos recursos humanos e das oposicións e outros procesos de concorrencia competitiva; a administración económica e orzamentaria; a información de saúde pública e inspección sanitaria; os datos de tarxeta sanitaria; a xestión da investigación en saúde; a formación e a súa acreditación; a xestión multicanle das relacións coa cidadanía; e os servizos de xestión da plataforma hardware, software e rede de telecomunicacións.

O sistema da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde certificado polo Esquema Nacional de Seguridade inclúe tamén os servizos a través de internet ofrecidos á cidadanía. En concreto, as aplicacións Sergas Móbil (coa que, por exemplo, é posible solicitar citas a través de internet), É-Saúde (ferramenta de acceso á documentación clínica persoal) ou Telea (que facilita o teleseguimento de pacientes por parte dos profesionais sanitarios).

Aumentar os niveis de protección faise imprescindible no ámbito sanitario no que é cotiá o uso de equipos electromédicos (como dispositivos cardioimplantables, bombas de insulina intelixentes ou equipos de diálese); a intelixencia artificial (que actualmente se utiliza na axilización do diagnóstico por imaxe nas urxencias hospitalarias para fracturas ou lesións de tórax); ou sistemas de internet de elementos (como reloxos intelixentes que comparten o pulso e a frecuencia cardíaca do paciente a través da aplicación Sergas Móbil). 

Estratexia de ciberseguridade

Acadar o máximo nivel de certificación do Esquema Nacional de Seguridade é unha das premisas da Estratexia de ciberseguridade do Sistema Público de Saúde de Galicia 2023-2026. Contar coa protección de categoría alta implica, entre outras cousas, que o Servizo Galego de Saúde está capacitado para restaurar os niveis mínimos do servizo, ante unha incidencia, nun prazo máximo de 4 horas. 

Desta forma, a sanidade pública galega protéxese ante ciberataques que experimentaron un notable incremento, tanto en volume e frecuencia, como en sofisticación. 

Coa aposta pola ciberseguridade, a Xunta proporciona con garantías unha mellor prestación dos servizos sanitarios á cidadanía por medio dos sistemas e tecnoloxías da información, ademais do aumento da eficiencia interna da propia organización sanitaria.  

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde