GÓMEZ CAAMAÑO DESTACA O LABOR VITAL DA AXENCIA DE DOAZÓNS E APELA Á SOLIDARIEDADE DOS GALEGOS PARA ATENDER A NECESIDADE DIARIA DE 500 ACHEGAS DE SANGUE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
28 05 2024
 

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, visitou está mañá as dependencias da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos  (ADOS), onde destacou o seu labor vital  e apelou á solidariedade dos galegos para cubrir as preto de 500 achegas de sangue diarias do sistema público de saúde.

Acompañado pola secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato; e pola directora da Axencia, Marisa López, Gómez Caamaño puxo en valor a xenerosidade e o altruísmo da cidadanía galega, pois o seu compromiso foi quen de situar Galicia, no ano 2022 como a terceira comunidade autónoma máis doadora de toda España, con catro puntos por riba da media nacional.

Segundo explicou o conselleiro, no 2023 rexistráronse en Galicia máis de 100.000 doazóns e, delas, máis de 9.500 pertenceron a persoas que doaron sangue por primeira vez. 

“Estamos moi orgullosos dos datos do ano 2023 e animamos aos galegos e galegas a seguir contribuíndo a salvar vidas con este pequeno, pero valioso xesto, que representa a doazón”.

Neste sentido, e tras salientar o traballo “esencial” que realizan os preto de 250 traballadores da Axencia galega de doazóns, o titular de Sanidade solicitou a colaboración cidadá para incrementar as reservas dos grupos sanguíneos A negativo e 0 positivo, ao atoparse en niveis baixos, neste intres.

Renovación das unidades móbiles de doazón

A Xunta de Galicia continúa a traballar no obxectivo de ofrecer o mellor servizo posible á cidadanía comprometida coa doazón de sangue, realizando durante os últimos anos un importante esforzo para mellorar os seus medios. 

Así, desde o ano 2018, o Executivo galego adquiriu 5 novas unidades móbiles para as áreas sanitarias de Santiago, Pontevedra, Vigo, A Coruña e Ourense. Ademais, e segundo explicou o titular da Sanidade galega, está previsto licitar unha sexta unidade, con destino a área sanitario de Lugo, durante o vindeiro mes de xuño. 

Con esta nova adquisición, o Goberno galego acadará un novo fito importante, pois, coa compra desta nova unidade, superará os dous millóns de euros de investimento no que se refire á renovación das unidades de doazón de sangue.

A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) conta cos máis altos estándares de calidade que se poden obter no ámbito sanitario, e posúe as máximas certificacións existentes a nivel europeo en materia de doazón.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde