O SERVIZO GALEGO DE SAÚDE COMEZA COS PRIMEIROS PROXECTOS DA SÚA ESTRATEXIA DE ECONOMÍA CIRCULAR 2030
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
28 05 2024

Situar a sanidade galega na vangarda da protección do medio ambiente é o obxectivo da Estratexia de Economía Circular do Servizo Galego de Saúde 2030, que acaba de poñer en marcha os seus primeiros proxectos. 

O grupo de traballo de implantación vén de celebrar esta semana unha nova xuntanza na que se abordaron, entre outros asuntos, a uniformidade de datos da pegada de carbono que se achegarán ás Nacións Unidas e ao Ministerio de Sanidade pola carreira cara ao cero, así como a análise do estado de situación dos proxectos tractores das áreas sanitarias.

O grupo de traballo de implantación, formado por 20 especialistas, deseñou a folla de ruta desta estratexia para os vindeiros seis anos, centrada na análise da pegada de carbono e futura tendencia á descarbonización; nos proxectos tractores das áreas sanitarias como o Life Resystal CHUO, Interreg de Eficiencia energética CHUS, Coolfood Pledge Coruña-Vigo e Mentoring Low Carbon Lugo;  e na translación a Galicia da New European Bauhaus, coordinada desde a empresa pública de servizos sanitarios Galaria, con iniciativas como a construción dunha “cabana terapéutica” no Hospital Álvaro Cunqueiro.

A Estratexia busca que o sector sanitario actúe como eixo vertebrador e impulsor dunha transformación cultural baseada na sustentabilidade. Unha serie de medidas que permitirán aforrar custos, acadar unha maior eficiencia e diminuír as emisións en todas as instalacións sanitarias.

Entre os obxectivos concretos está reducir en máis de 46.500 as toneladas anuais de emisións de CO2 ata 2030, é dicir, o equivalente a plantar máis dun millón de árbores.

Sinalar, así mesmo, que a Estratexia inclúe diferentes medidas como a redución na xeración de refugallos e o uso de combustibles fósiles, a construción de centros sanitarios con materiais sostibles, o ecodeseño de procesos asistenciais, o fomento da investigación en I+D neste eido ou fomentar o consumo responsable e sostible entre pacientes, traballadores ou provedores.

Primeiros pasos

O grupo de traballo interdisciplinar será o encargado de identificar, analizar, revisar procesos e áreas de mellora, así como de propoñer medidas e solucións concretas para optimizar recursos e gañar en eficiencia enerxética e ambiental. A formación, a docencia, a investigación e a colaboración en rede con outras entidades do ecosistema europeo complementarán a misión deste grupo de persoas expertas.

Galicia, pioneira en participar en proxectos internacionais sustentables

O sistema sanitario galego conta cunha ampla experiencia en materia de sostibilidade. De feito, é pioneiro e un referente ao participar en diferentes iniciativas internacionais. Ao respecto, o Servizo Galego de Saúde é o único sistema sanitario europeo que participa como socio na Nueva Bauhaus Europea -un proxecto que aposta polas construcións sostibles para mellorar a calidade de vida – e non hai ningunha outra administración sanitaria española involucrada nun proxecto da ONU para intentar acadar as cero emisións de carbono nas instalacións sanitarias en 2040.

Ademais, a sanidade galega ten en marcha outros programas para a redución de uso de plásticos nos centros hospitalarios ou as emisións de gases á atmosfera que provoca o sistema de anestesia das intervencións cirúrxicas.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde